Lugar onde se atopa unha mámoa en Outeiro de Rei / Patrimonio dos Ancares

Mámoas e dólmenes, patrimonio en vías de desaparición

Tempo de lectura: 2 min.

Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares, Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure, vimos de documentar catro novas mámoas con dolmen no concello de Outeiro de Rei.

Neste concello había unhas 180 mámoas do período Neolítico, un número moi elevado con cámara pétrea no interior (dolmen), a gran maioría en
estado total de abandono, incluído o túmulo número 1 do Cordal de Acevedo, o único catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de
Galicia no municipio. Temos constancia de que ao menos medio cento foron destruídas. Nos últimos tres anos os do noso colectivo levamos documentados no municipio unha vintena de enterramentos deste período. A súa antigüidade ronda os 6.000 anos.

A primeira foi no Cordal de Acevedo, en Pascuais, parroquia de Parada, a 450 metros de altitude. A súa localización foi posible debido a limpeza da
maleza que se realizou debaixo do tendido eléctrico de media tensión. Ten unhas medidas de 16 metros de diámetro e un de altura. Presenta cono de
violación do que sobresaen varios esteos graníticos da cámara funeraria.

Chamounos a atención que estea sen catalogar xa que, polas referencias, foi eiquí onde hai anos apareceron uns fragmentos dun vaso cerámico de borde revirado ou de longo bordo horizontal descuberto a principios dos anos noventa polo investigador Juan Núñez Jato, e que no seu momento foi obxecto de varios estudos.

Novas mámoas atopadas en Outeiro de Rei / Patrimonio dos Ancares

Idoliño

Outros tres túmulos documentámolos entre os montes do Pico das Mallas e As Corredoiras, en Province, parroquia de Aspai, a uns 520 metros de altitude. O primeiro enterramento desta necrópole ten 21 metros de diámetro e 2 de altura; do cráter de violación asoman tres pedras que formaban a cámara poligonal; semienterrado no túmulo atopamos o que, case con toda seguridade, é un idoliño de pedra moi ben traballado colocado como ofrenda ou protección.

A segunda mámoa, situada a uns corenta metros da anterior, ten un diámetro de 20 metros e 2 de altura; do cono de violación sobresaen dous chantos da cámara funeraria. O terceiro enterramento, situado no medio dun piñeiral, ten uns 20 metros de diámetro e 1,20 de altura; no cráter de violación vense tres ortostatos que formaban a cámara megalítica.

Petróglifos

Nas inmediacións destas últimas mámoas tamén descubrimos unha pena con petroglifos. Trátase de sete cazoletas que forman un semicírculo perfecto, en cuxo interior foi gravada outra cazoleta de maior tamaño cas anteriores. No concello de Outeiro de Rei, con estes, son oito os grupos de petroglifos documetados ata o presente, sete descubertos por nós, entre eles o conxunto da Pena Serrada formado por coviñas, unha combinación circular de tres círculos concéntricos e ferraduras que documentamos no mes de outubro de 2016 e que foi declarado BIC por resolución da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural aparecida no Diario Oficial de Galicia do día 3 de agosto de 2017.

Os achados xa foron comunicados a Patrimonio para que procedan á súa catalogación e protección.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: