fbpx
O castiñeiro de Pumbariños, no souto de Rozabales, en Manzaneda. EStá considerado como o castiñeiro máis antigo de Galicia / srbvkunk.wordpress.com

O abandono e as pragas ameazan unha fraga sagrada e o castiñeiro máis antigo de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Nas zonas do interior de Galicia consérvanse as mellores representacións dos soutos mansos galegos, auténticos bosques do país e, algúns deles considerados sagrados por xeracións de veciños . Un deles é o de Rozabales, Monumento Natural, declarado pola Xunta de Galicia no ano 2000.

Neste souto atopase tamén o castiñeiro de Pumariños, que din que é o castiñeiro coñecido máis antigo de Galicia, cuxo perímetro acada os 12,15 metros (precísanse dez persoas para arrodealo todo) e que podería ter preto dun milleiro de anos.

Este souto, constitúe unha mostra exemplar do tipo de bosques explotados secularmente por campesiños e campesiñas galegas para a obtención de castañas e madeira. De feito, estes tipo de soutos son un dos elementos fundamentais do noso patrimonio cultural e natural e mesmo da maxia e misticismo do país. Explican  a evolución agraria de moitas zonas rurais de Galicia, representan un ecosistema agrosilvopastoral en equilibrio e posúen unha gran biodiversidade, incluíndo a presenza de elementos de fauna e flora dun gran valor.

Abandono do Souto de Rozabales, en Manzaneda / Davide Rodríguez

En perigo

Neste souto encóntranse exemplares de castiñeiro (Castanea sativa) de gran lonxevidade (moitos superan os centos de anos e algúns mesmo se acercan ao milleiro de anos) e extraordinaria beleza, auténticos monumentos vexetais. Pero este ecosistema único e un privilexado espectador do paso da historia en Galicia está en perigo.

O estado actual no que se atopa este souto é lamentable, estando os castiñeiros afectados en elevado grado pola avespiña do castiñeiro e polo chancro, e levando anos sen ser sometido a ningunha clase de poda. Aparte disto, a falta de limpeza no souto, propiedade da administración autonómica, fai que a maleza creza entre os castiñeiros, elevando así o risco de propagación de incendios forestais nun concello con alta actividade incendiaria.

Por iso, o deputado nacionalista de En Marea, Davide Rodríguez, acaba de presentar unha proposición non de lei pedíndolle á Xunta de Galicia que elabore un plan anual de mellora e mantemento deste souto, que é propiedade da propia Xunta. Tamén lle pide que destine urxentemente unha partida económica suficiente para facer os traballos de demouca, roza, vacinación contra o chancro do castiñeiro e a solta de Torimus Sinensis para combater a avespiña neste souto.

Pode que che interese...