Lume en terra visto dende o mar / foto 12019CC0

Raqueiros e praieiros, a escura historia dos piratas galegos de terra

Tempo de lectura: 3 min.

Un día de temporal fronte ás costas da fin do mundo, no Atlántico, a tripulación do mercante buscando referencias na costa. De súpeto luces que se moven no horizonte, se cadra de outro barco, se cadra unha vila de mar ou o sinal dun facho que marque a entrada a un porto. Achegarse para enfrontar o temporal dende un lugar máis seguro. Mais, de súpeto, os baixíos, o naufraxio, a morte preto da terra. Se cadra chegar a un areal agarrado a carga. E incluso alí, en terra firme, a morte matada da man dun pirata de terra.

Así é a historia que se conta dos raqueiros, os piratas de terra que moraron nas costas galegas, e que, igual que noutros recunchos da Europa atlántica, conduciron con sinais falsas ós barcos ata a terra para facerse coa súa carga. En Galicia foron coñecidos como raqueiros ou praieiros segundo a súa intención fora asasinar ou so agardar en terra a que chegasen os matutes sen enfrontarse corpo a corpo.

Así estes piratas locais actuaban de xeito anónimo nas noites de temporal. O seu xeito de facer, provocar sinais falsas na costa con lumes, ben imitando ós fachos de sinalización, ben, como conta a lenda, liberando vacas con candeas de liño e brea nos seus cornos, para que, dende o mar, se vira o desconcertante movemento. Despois so restaba agardar o naufraxio, coñecer as correntes do mar e agardar en terra.

Ilustración dun naufraxio / ComfreakCC0

Señoríos e piratas

Mais tamén cumpría saber cando habían pasar os barcos. Aí interviñan os informantes en terra. É nesta parte onde a historia se fai aínda máis perversa. Pois durante o Antigo Réxime os señoríos contaban cos chamados “dereitos de naufraxio”. Segundo a éstes, cando un barco naufragaba na costa o señor feudal do lugar tiña dereito a unha parte dos matutes atopados. Estes eran uns ingresos extra para os nobres en tempos nos que a abundancia non acompañaba.

Daquela era posible que os raqueiros tiveran información directa do señor, sobre onde, cando e que tipo de barcos haberían pasar fronte ás nosas costas. Os informantes poderían proceder de novas que os señores puideran ter sobre os portos de partida, cargamentos especialmente sensibles… Daquela os raqueiros entraban en xogo, liberando o señor de toda culpa.

Un fenómeno das fisterras atlánticas

Mais non é que os raqueiros foran algo exclusivo de Galicia, nin que este recuncho do mundo fora especialmente necesitado da pillaxe para a súa supervivencia. Senón que os piratas de terra, do mesmo xeito que os piratas de mar foron un fenómeno común de todo o Arco Atlántico Europeo, documentado en case todas as fisterras atlánticas, como Irlanda, Gales ou a Bretaña.

O paso dos barcos fronte a costa sempre foi unha tentación para os homes de terra nas épocas nas que os camiños máis empregados eran os do mar. Nalgunhas épocas e nalgúns lugares de Europa a piratería de terra podería chegar a ser tan común como a piratería embarcada do mesmo xeito que, como si é moito máis sabido, a terra era frecuentemente saqueada dende o mar. Aquí en Galicia é a tradición oral é a que nos dá conta de eles, das historias que aínda perviven no imaxinario das xentes da costa.

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: