Fachada de San Salvador de Asma / foro LoischantadaWikimedia CCBY-SA 3.0

San Salvador de Asma, o convento da Ribeira Sacra que se vende por pedras en internet

Tempo de lectura: 2 min.

Véndese mosteiro do século X cunha propiedade de 5 hectáreas ó seu redor. Mosteiro con moito valor patrimonial xa que ten uns 1000 anos de antigüidade. Está en plena Ribeira Sacra, zona con moita sona e que está tendo moita afluencia xa que é BIC (…). Ideal para negocio hoteleiro, casa de turismo rural ou albergue (…). Boa oportunidade de negocio. Pódese vender toda a propiedade ou parte”.

Así se vende dende fai seis días no portal Milanuncios un mosteiro bieito da Ribeira Sacra, San Salvador de Asma. No anuncio pode verse como efectivamente atópase declarado BIC e nunha zona “nomeada para Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”. Tamén se repara na súa cronoloxía e na súa singularidade, e reflicte a perfección á capacidade que teñen os nosos grandes mosteiros galegos como catalizadores de negocio.

Mosteiro de San Salvador de Asma na web de Milanuncios

Mais, aínda que a venta faise dun xeito completamente legal, non é habitual que un conxunto de tal importancia patrimonial apareza nunha web xeralista de anuncios clasificados. Porén, non foi por éste senón por outro anuncio publicado co mesmo teléfono polo que as alarmas saltaron nos últimos días. Nel se fai referencia á venta de pedra e, segundo denuncian algunhas asociacións, ésta podería proceder do propio mosteiro.

Varias chamadas de atención ignoradas pola Xunta

E é que a asociación o Sorriso de Daniel, fixo saltar as alarmas mediante unha chamada nas súas redes sociais e que foi incluso recollida en diversos medios. Pois o anuncio no que se facía referencia á venta de pedra “para muro dunha ou dúas caras, cadradas e boas para fácil colocación” podería encaixar á perfección con movementos de pedra que fai uns días denunciaron os veciños. Aínda que no anuncio non se pode saber exactamente a cantidade, tipo ou procedencia da pedra.

Para a asociación, segundo recolle nas súas redes sociais, podería tratarse de pedras procedentes da zona “do edificio adosado ó pano sur”. Chamábase a atención do perigo de que foran “do pano sur da igrexa de San Salvador de Asma que ten un tímpano románico que é unha peza extraordinaria”. Esta peza figuraba nas alegacións ó expediente de BIC da Ribeira Sacra como elemento singular a ser protexido, pero que a Xunta decidiu descartalo.

San Salvador de Asma na web Milanuncios

A situación foi denunciada ante Patrimonio pola Asociación, que polo de agora non tivo resposta. Tamén pediron un estudo arqueolóxico e a colaboración nas redes para dar a coñecer os feitos. O certo é que o anuncio que, segundo semella, xa non se atopa publicado, parece encaixar á perfección coa necesidade urxente de venta que semella ter o mosteiro, e que podería ser, de feito, un delito contra o patrimonio, delito contra o que debería actuar de oficio a propia Xunta.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: