Taramundi, como crear un modelo de turismo rural ás portas de Galicia sen depender dos peregrinos
Unha pequena vila de apenas 700 habitantes coñecida en toda España. Taramundi é un dos pobos de Asturias que ten por singularidade ser un dos pioneiros do turismo rural e ó mesmo tempo un dos grandes exemplos de recuperación dunha vila tradicional desenvolvida dende o turismo. Taramundi, a apenas uns quilómetros da fronteira de Lugo,nos vales do Turia e do Eo, é un verdadeiro exemplo para moitos pobos do norte de España e de Galicia de como conservar a historia e proxectarse no futuro.
Pioneiros do Turismo Rural
Taramundi é unha vila eminentemente rural, perdida nas montañas occidentais de Asturias. Mais é un lugar no que algo máis de unha de cada catro persoas traballan no sector servizos. Isto é, ante todo, gracias a este tipo de turismo. Xa que Taramundi foi unha das localidades pioneiras durante década de 1980, comezando tan so coa apertura dun hotel rural, ó que co paso do tempo se lle foron engadindo outros aloxamentos.
Foi nas dependencias da súa casa reitoral que foi convertida en 1984 nun dos primeiros hoteis rurais do Estado. Para a construción desta estrutura tiveron que traballar xuntos, o Goberno do Principado, o Concello de Taramundi e un grupo pioneiro de veciños enfocados a levantar a actividade económica da vila xa daquela en declive. A partires dese momento na localidade se comezaron a abrir museos e a recuperar conxuntos etnográficos, ata converter a vila nunha das localidades con maior densidade de espazos visitables por habitante.
O coidado do entorno e o papel da artesanía
A recuperación tamén estivo ligada ó coidado do entorno, un espazo rural e natural en boa medida privilexiado, bañado por ríos e regatos e as antas das montañas que o rodean. Pero tamén a tradición e a historia, xa que a razón do éxito de Taramundi foi non mudar o seu xeito de vida tradicional e as súas industrias básicas.
É por isto que Taramundi é coñecida pola súa artesanía, e en concreto polas navallas de Taramundi, que tamén discorreron por séculos coma unha icona pola xeografía galega. A ferrería de Taramundi, como en moitas comarcas da montaña de León, Galicia e Asturias, ten unha antigüidade excepcional. Aínda que seguramente moito máis antiga, en Taramundi so está documentada dende o século XVIII, momento no que aparecen citados seis mazos de espalmar e fraguas no Catastro de Ensenada.
Dende aquela a ferrería foi unha das actividades principais de Taramundi, conservándose ata hoxe en día en numerosos obradoiros e en singulares conxuntos etnográficos como Teixois, Mazonovo ou Bres. Taramundi ten a honra de ser un dos lugares de Asturias declarado “Zona de Interés Artesanal”, contando co “Museo de la Cuchillería” de Pardiñas e coa singularidade de contar nas súas rúas coa navalla máis grande do mundo.
A forza dos seus ríos
Mais non é este o único elemento da artesanía do que a vila vive. O coiro e as teas son outro deles. En Taramundi fabricáronse tapices, alfombras e tinxidos tradicionais. Tamén a artesanía do coira ligado habitualmente a fabricación de navallas e das súas fundas. Para isto Taramundi contou con diversos muíños batáns que fixeron posible estas industrias.
E é que a auga movida nos seus ríos foi para a vila un elemento esencial. A auga foi, e é aínda hoxe en día, a que serve para mover a ferrería, servindo en tempos para mover grandes mazos como os de Aguillón e Teixois. Muíños, martinetes, rodas de afiar e ata unha pequena central eléctrica eran todos movidos en Taramundi pola enerxía dos ríos. Elementos todos eles hoxe recuperados e amosados de xeito musealizado como sensacionais bens etnográficos.