fbpx
A Maurilla Island, pertencente as Discovery Islands na Columbia Británica canadiense / google maps

A Maurelle, a illa de Canadá que leva o nome dun fascinante mariño galego

Tempo de lectura: 2 min.

Hai unha remota illa na Columbia Británica canadiense que levan o nome dun gran e descoñecido mariño galego; Francisco Mourelle de la Rúa. Un home humilde de Corme, fillo de pescadores, que foi quen de chegar a capitán de fragata cando esa honra só estaba reservada aos fillos dos ricos e dos nobres da España do século XVIII.

A Maurelle forma parte das illas Discovery (en inglés, Discovery Islands, que significa, «illas do Descubrimento»). Son un arquipélago de pequenas illas costeiras de Canadá, entre a illa de Vancouver e o territorio continental da Columbia Británica. O nome da illa, aínda que un pouco deturpado, recibiuno en 1903 polo Geographical Names Board of Canada, que quixo recoñecer así a labor deste gran mariño que foi o primeiro en navegar por estas augas a finais do século XVIII.

O diario que acabou en mans de Cook

En 1779, a bordo da fragata Favorita, remontou a costa americana até chegar a Alaska, moito antes de que o fixera o famoso explorador británico James Cook. O seu obxectivo era atopar o Paso do Noroeste, a vía para chegar a Europa desde o Pacífico sen ter que rodear o Cabo de Hornos, pero a medida que se achegan a Siberia, a Favorita tivo que poñerse a abrigo polas fortes treboadas do Mar de Bering.

Libro coa sinatura de Francisco Mourelle de la Rúa / Galipedia

Mourelle decidiu deixar constancia desa expedición nun diario que acabaría, anos despois e traducido ao inglés, en mans de Cook, que o utilizou para surcar esa parte da costa americana na súa terceira viaxe polo Pacífico.

Outras fazañas

Pero a historia deste intrépido mariño coruñés non rematou aquí. Destinado nas Filipinas conseguiu abrir unha nova ruta entre esta illa e a costa mexicana e, xa con 49 anos, en 1799, en momentos turbulentos para a coroa española conseguiu, en Alxeciras, nun hábil golpe militar capturar centos de prisioneiros e unha fragata, unha cañoneira e varios buques de transporte británicos.

Toda a súa historia podedes consultala nesta entrada da Galipedia ou nesta reportaxe de El Mundo. Pero para afondar máis na súa vida, aquí tedes unha completa investigación de Xosé A. Fraga.