fbpx
Palmeiras / foto PexelsCC0

Así están morrendo as palmeiras dos xardíns históricos de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

Calvas, coa súas follas superiores marchiñas ou desaparecidas. Este é o aspecto que presentan as palmeiras de todo o sur e o oeste de Galicia, dende Ferrol ata Carballiño. Exemplares pequenos, mais tamén de gran porte, que están a desaparecer dos grandes xardíns históricos de Galicia e dos grandes pazos e casas indianas para as que comezaáronse a traer a mediados do século XIX.

É por culpa do picudo ou escaravello vermello, rhynchophorus ferrugineus. Unha praga que está a asolagar as nosas palmeiras e que nalgúns concellos galegos estase a levar por diante a práctica totalidade deste patrimonio natural.

Palmeiras na cidade de Pontevedra / foto Pvibahu CC By Wikimedia

A praga está a afectar, de feito, a todo o occidente atlántico e o Mediterráneo, dende África ó norte de Europa. Está a por en perigo tamén ecosistemas coma os oasis africanos, así como exemplares de moitos xardíns históricos europeos, cebándose especialmente con lugares como Galicia.

A súa orixe, na burbulla urbanística

O picudo foi detectado por primeira vez en Galicia no ano 2013, no concello de Gondomar, poñéndose naquel momento en corentena pola UE. Á súa vez o escaravello, segundo parece, foi introducido en Europa na década de 1990 por Motril, Granada, cando, en pleno boom da construción comezáronse a importar palmeiras que procedían do norte de África. Foi como elemento ornamental para o urbanismo ó esgotarse os viveiros da zona.

Unha palmeira atacada polo escarabello picudo en Menorca / foto menorca.info

Dende aquela tardaría case dúas décadas en chegar a Galicia, pero despois da súa chegada a súa expansión foi especialmente rápida. Só nun par de anos colonizara xa toda a provincia de Pontevedra, tendo durante algún tempo como límite norte a ría de Arousa. Mais a falta de compromiso das administracións, así como a dificultade para detectar en inicio o insecto, fixeron que xa no 2018 se convertera nun serio problema.

Un símbolo de ostentación traída polos indianos

A praga afecta en orixe a exemplares coñecidos como phoenix canariensis, ou palmeira canaria, tanto macho como femia, que son as máis comúns en Galicia. E é que estas proceden do arco mediterráneo e de América, de onde foron traídas dende mediados do século XIX para ornato de parques e xardíns públicos e privados. Foron colocados na súa orixe tanto nos primeiros paseos arborados urbanos como nos xardíns de pazos e casas indianas.

Palmeira do pazo de Trasariz en Vimianzo / foto Turismo de Galicia

E é que as palmeiras foron en si un símbolo de ostentación e de nivel cultural, xa que o seu exotismo e a apelación a latitudes diferentes fixeron que se tomaran como representación de poder económico e social. Tamén foi escollida polos indianos, que as colocaron ó pé das súas artísticas vivendas, traídas dos países que os acolleron como Porto Rico ou Cuba, ou como símbolo da súa fortuna en latitudes lonxa nas.

Impasibilidade da Xunta

É así que numerosos exemplares se atopan en pazos, fincas privadas e ata reitorais, en moitos casos segundas residencias e xardíns que non teñen coidados ó longo de todo o ano. E é aquí onde se atopa un dos maiores problemas, xa que moitos propietarios descoñecen a situación ata que a árbore xa se atopa nun estado dificilmente recuperable.

palmeiras nos xardíns de Méndez Núñez na Coruña / foto proxectopalmeira.com

E é que, tal e como se denuncia dende diversos colectivos, gran parte do problema tivo que ver coa impasibilidade das administracións para tratar de controlar a praga. Desde Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia asegurouse dende 2015 que estaba en marcha un plan de acción contra o picudo vermello, máis as medidas deste plan so se limitaron a informar a Concellos e particulares.

Denunciouse que a Xunta non facilitou tratamentos nin puxo a disposición da cidadanía empresas especializadas para o seu control. A responsabilidade deixouse nos propietarios e nas administracións locais, evitando así un control efectivo que evitara que o escaravello se propagara. Agora, mais dun lustro despois a praga é un problema grave que implica grandes investimentos, e que demanda sobre todo un coidado e vixilancia continua por parte de quen están a tratar de salvar este histórico patrimonio natural. que a Xunta non facilitou tratamentos nin puxo a disposición da cidadanía empresas especializadas para o seu control.

Palmeiras / foto pexelsCC0

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...