fbpx
Imaxe do xacemento de Idanha-a-Velha. Foto: Pedro Carvalho

Atopadas evidencias científicas da práctica do primeiro Cristianismo na península ibérica en época romana

Tempo de lectura: 2 min.

Un equipo de investigadores da universidades de Vigo, Coimbra e A Coruña veñen de datar o baptisterio cristián máis antigo da península ibérica, tal e como recolle un estudo publicado na revista Archaeological and Anthropological Sciences. Nel revélase a data de construción dos dous baptisterios paleocristiáns do xacemento de Idanha-a-Velha, en Portugal.

Segundo explican os responsables do estudo, baseándose en análises físico-químicas e arqueolóxicas foi posible situar a construción dunha das piscinas bautismais de Idanha-a-Velha na segunda metade do século IV, cando o territorio pertencía ao Imperio Romano. “Este baptisterio é, ata o momento, o máis antigo que se coñece na península ibérica, sendo un dos sinais máis antigos e importantes da presenza do cristianismo no territorio actual portugués”, explican Adolfo Fernández e Pedro Carvalho, dous dos autores do estudo e investigadores, respectivamente, da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, e da Universidade de Coimbra.

O baptisterio cristián máis antigo da península ibérica atopado no xacemento de Idanha-a-Velha.
/ Pedro Carvalho

PÍAS BAUTISMAIS

Construídos ao carón das primeiras igrexas, os baptisterios, indican os responsables do traballo, eran espazos onde se levaba a cabo o sacramento do bautismo por inmersión, antecedente das pías bautismais que xurdirán posteriormente na Idade Media, concretamente no século XI. Idanha-a-Velha, a antiga Egitania romana, engaden, foi sede episcopal durante o período suevo-visigodo, nos séculos V ao VII despois de Cristo, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Portugal.

O estudo foi realizado no ámbito dun proxecto de investigación arqueolóxica levado a cabo en Idanha-a-Velha encabezado por investigadores das universidades de Coimbra e Nova de Lisboa coa colaboración de investigadores das universidades de Vigo e A Coruña, encadrándose nun protocolo entre as dúas universidades portuguesas, o Municipio de Idanha-a-Nova, no que se sitúa o achado, e a Direção Regional de Cultura do Centro.

Pode que che interese...