fbpx
Penedo do Petróglifo de Tras da Costa

Atopado un posible e misterioso penedo ritual en Tal (Muros)

Tempo de lectura: 5 min.

Tíñamos falado en HdGd do pedregal  que se estende entre as parroquias da Abelleira (Santo Estevo) e Esteiro (Santa Mariña), no concello de Muros, e dos seus fitos arqueolóxicos e lendarios. O máis destacado, dende o punto de vista arqueolóxico, é sen ningunha dúbida a Pedra da Pía.

Pedra da Pía Esteiro (Santa Mariña)

Este batolito granítico  álzase do chan e ten configurado unha cavidade a modo de asento que está circundado de cruciformes, letras e cálices. Na base da zona que dá acceso ao asento, e cara o camiño, vemos coviñas e uns pequenos ocos con forma de chanzos para subir á rocha. Outro elemento desta zona, na parroquia da Abelleira, é a Pedra das Cruces, unha pedrafita gravada cos signos da cruz no mesmo leito do río Rateira, no lugar chamado Campo da Ermida, onde houbera noutro tempo unha capela e que a día de hoxe as súas ruínas están inaccesibles. No aspecto lendario, o santo e a santa das advocacións parroquiais teñen os seus fitos pétreos, Santa Mariña na rocha de onde xurdeu a carón do mar, Pedra das Patudas de Santa Mariña na praia de Parameán; e Santo Estevo en Laxe Borrateira, unha gran rocha onde quedaron gravadas as pegadas do seu cabalo e o seu corpo.

Cara norte da rocha do “Petróglifo de Tras da Costa” amosando as cazoletas

Neste artigo quería dar conta doutra rocha máis descoñecida que as anteriores e situada na parroquia de Tal (Santiago), pero a escasos metros do  límite da parroquia de Santa Mariña Esteiro  que garda características similares a estas e que leva gravuras de cazoletas nas súas bandas verticais. Aparece mencionada só como REF (referencia) no catálago arqueolóxico do concello de Muros ao non poder dar coa súa posición exacta nos traballos de confección do catálogo de Bens Arqueolóxicos do concelllo de Muros.

A  ficha do PXOM do ano 2010 descríbe o elemento da seguinte forma: Petróglifo de Tras da Costa. REF 15053002 : ”Dado que non foi localizado por mor da vexetación incluímos a descrición que aporta Vázquez (1997) : a cara norte atópase gravada con multitude de coviñas de diferente diámetro, distribuídas en 10 fiadas verticais cun número variable de motivos en cada unha delas (de esquerda a dereita): 7, 4, 3, 11, 5, 4, 9, 4, 7, e 8. Na cara sur hai unha soa fiada con outras 8 cazoletas. A parte superior do afloramento tamén ofrece 10 gravuras distribuídas en dúas liñas de 6 e 4. É posible que o penedo sexa utilizado como marco territorial de fincas xa que forma parte dun valado”.

Esta ficha do catálogo localiza este petróglifo na parroquia Serres ( San Xoán), polo tanto hai un erro no dato pois en realidade está nos límites das parroquias  de Esteiro e de Tal. Sen embargo o plano que amosa e o dos terreos mencionados.  Non se establece área de protección ao non estar localizado no momento da elaboración do catálogo de Bens, establécese unha área de cautela de 50 m. da teórica posición.
.

Chanzos escavados no lateral leste da rocha do Petróglifo de Tras da Costa

O aspecto desta rocha non deixará indiferente ao observador dado que parece moito máis que unha sucesión de coviñas nun penedo. Está a 123 metros de altitude no lugar en que se atopa o nacente do Rego de Tal. En primeiro lugar o que nos chama a atención e o seu tamaño. A cara norte ten uns 5 metros de longo e 2 de alto e conforma unha cara lisa redondeada pola parte superior onde foron gravadas as coviñas en 10 fiadas verticais.

Misteriosos chanzos

Pola aresta leste desta cara norte chegamos a ver uns pequenos chanzos tallados que parecen feitos para subir ao seu cume, onde volven aparecer cazoletas. Un elemento que non se dá conta del na catalogación, e que tampouco descubrimos na primeira visita, foi un desbaste que conforma unha cavidade cóncava redondeada e con inclinación cara o oeste duns 60 cm. de diámetro e que ten o aspecto dunha pequena pía

Pía na parte superior do Penedo de Tras da Costa

 

Entre a cara sur e a norte, hai un rebaixe que parece que reaproveitou unha diaclasa do penedo que conforma unha liña de tránsito en dirección sueste noroeste ao longo de todo o penedo, e que tamén conta cunhas pequenas fendeduras na rocha a modo de chanzos. A cara sur posúe coviñas na aresta superior e un oco lateral onde se poden apoiar os dedos da man para poder baixar con comodidade da rocha.

Lugar de paso no penedo coa posición do posible apoio para os dedos

Sería aventurado dicir que nos achamos ante un novo altar rupestre nesta zona que bordea o pedregal, feito que  consideran as autoras Lestón e Torrado sobre a natureza da mencionada  Pedra da Pía en Santa Mariña de Esteiro. Os elementos comúns nos dous lugares sería un prometedor punto de partida para unha observación máis polo miúdo por parte dos expertos neste tipo de posibles lugares rituais. Outro punto a ter en conta e a aparición a 300 metros ao norte de dous túmulos pertencentes a dúas mámoas no denominado Monte da Mina e que ata o de agora están inéditos nos catálogos oficiais e que sería coherente coa súa localización. Dicir tamén que polo de agora non atopamos elementos da microtoponimia ou de lenda popular que poidan facer alusión ao nome do penedo,  só  mencionar que nos mapas catastrais sinalan por esta zona, 300 metros ao norte, un lugar chamado Pedra de Anxeles.

Bibliografía

El altar rupestre de «A Pedra da Pía» (Esteiro, Muros, Galicia)  Lestón Mayo, Mª Aurora. Torrado Cespón, Milagros.
Anuario Brigantino 2011, nº 34

Catálogo PXOM de Muros , ano 2010.

Fai clic para acceder a 22396CA008.PDF

(pax. 1 do pdf) REF 15053002

 

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...