Solpor na costa / QuangprahaCC0

Cando o mar era unha “autopista” que comunicou a Galicia con outras grandes culturas atlánticas

Tempo de lectura: 3 min.

As vellas escrituras da fincas que se atopan nos cantís da costa da Mariña lucense din que lindan ao norte con Inglaterra e Irlanda, mar por medio. Por iso, a seguinte viaxe de Rutas de Historia, o proxecto de turismo cultural e patrimonial impulsado por Historia de Galicia, será a esa costa salvaxe que discorre por terras ribadenses, que fixeron do mar unha “autopista” para comunicarse con outras culturas. Unha andaina que permitirá coñecer o rico patrimonio cultural da zona e gozar dun fermoso patrimonio natural.

Precisamente, nesa parte da costa, moi preto da que milleiros de turistas visitan cada ano, pero descoñecida para todos eles, agochanse importantes castros e restos romanos que falan da importancia que a zona tivo hai dous mil anos. Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e guía deste roteiro —do que aínda quedan unhas poucas prazas— , destaca a súa importancia cultural e histórica.

Esta fin de semana toca unha ruta de cultura castrexa, que castros imos visitar?
Visitaremos o Castro das Grobas, o de Fornelos, o de Meirengos e o dos Castros.

Que tipo de castros son?
Trátase de castros costeiros. Teñen a particularidade de atopárense na rasa cantábrica e son as típicas penínsulas fortificadas por foxos e parapetos.

Como hai tantos concentrados nunha franxa de territorio relativamente pequena?
A verdade é que A Mariña é unha zona pouco, ou nada, estudada dende o punto de vista arqueolóxico. Por este motivo, non podemos saber a que se debe esta concentración de castros. Unha das teorías que se baralla é que garde relación coas explotacións auríferas, que tanto abundan pola comarca

“Na procura dos castros que dominaron o mar da Mariña”, último roteiro de Rutas de Historia / Mariña Patrimonio

E iso de que lindan con Irlanda mar por medio?
Iso débese a que nas escrituras das terras polas que transcurrirá este roteiro, dise que lindan ao norte con Inglaterra, mar por medio. Evidentemente, tamén lindan coa mítica Irlanda.

Houbo moita relación entre a Mariña e Irlanda e as illas Británicas?
Por suposto. O mar foi unha auténtica autopista que nos permitiu na antigüidade comunicarnos coas culturas atlánticas. Sen esquecer que tamén nos facilitou os contactos coas culturaas mediterráneas.

Precisamente nun dos castros que imos visitar hai un depósito de pedras de sílex, que tiveron que vir nalgún barco, como lastre, dende as Illas Británicas ou dalgún outro lugar do norte de Europa.O que non sabemos é cando chegaron esas pedras a ese castro.

Durante o roteiro visitarase un forno romano. Como é a presenza de Roma neste territorio e te iso algo que ver  coa presenza de tantos castros?
A presenza romana seguramente haxa que asociala á minería de ouro. Nos castros que imos visitar atópanse restos arqueolóxicos de época romana.

Ademais de castros e elementos romanos destaca a paisaxe que se verá nesta andaina. Que elementos paisaxísticos destacarías?
A costa da rasa cantábrica, en xeral, é bastante regular. O traxecto que imos realizar ten elementos paisaxísticos de gran beleza. Non é doado salientar ningún en particular porque todo o percorrido é interesante dende o punto de visto paisaxístico.

Paisaxe da Mariña, en Xove, na andaina de Rutas de Historia

Semella que hai moito que ver máis alá da famosa Praia das Catedrais. Tamén se verán varios Ollos de Mar. Que son?
Efectivamente. Na Mariña existen moitos lugares ben interesantes para coñecer e para visitar, ademais da famosa Praia das Catedrais.

Respecto aos Ollos de Mar, no proceso de erosión vanse desgastando antes os materiais máis brandos, o que dá lugar á formación das furnas. Cando esa erosión acaba saíndo á superficie, formando unha especie de pozo, atopámonos cun Ollo de Mar. No percorrido que faremos durante o roteiro poderemos ver algún.

A zona é rica en cetáreas. Como foi esa adaptación do peixe e marisco de mar aos de cetárea?
As cetáreas de Rinlo, ás que nos achegaremos, estaban destinadas a engordar e a gardar langostas. As langostas permanecían nestas cetáreas mentres non emprendían viaxe cara a terras madrileñas, onde eran moi demandadas.

Segue a cultura mariñeira viva na zona?
Aínda que algo queda, o seu declive é evidente.

Ademais desta zona entre Ribadeo e Barreiros, que recomendarías visitar pola zona?
Preto da zona, pola que faremos o roteiro, é interesante visitar a estrutura circular da Roda de Barreiros e o máxico lugar de Santo Estevo do Ermo.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: