Arsenal de Ferrol / foto hwi62CC0

Coñece o Ferrol rebelde a pé e en barco… Unha cidade dividida entre obreiros e militares e centro económico de Galicia no XVIII

Tempo de lectura: 4 min.

Ferrol, a gran cidade da ilustración de Galicia, é tamén a gran urbe dos contrastes. Estirpe de rebeldes que converteu o movemento obreiro ferrolán na punta de lanza do movemento obreiro galego e español, tamén viu nacer e crecer a persoeiros que apoiaron e impulsaron unha Guerra Civil e unha Dictadura.

Rutas de Historia, o proxecto de turismo histórico e patrimonial que impulsa Historia de Galicia viaxa, xunto coa Asociación Roxín Roxal, a esta cidade para divulgar a historia heroica do pobo traballador. Este roteiro, guiado polo divulgador e escritor Marcos Abalde, percorre os lugares máis significativos de cen anos de loita obreira na cidade.

Dunha maneira amena procura aproximarse ao perfil humano dos seus protagonistas, aos documentos que produciron e aos ideais que os mobilizaron. O roteiro comeza en 1871 coa publicación en Ferrol do primeiro xornal obreiro de Galiza “El trabajo” e finaliza en 1975 co asasinato de Moncho Reboiras.

Ademais completarase cunha visita marítima pola ría para ver ese outro Ferrol desde a beira do mar. Os e as [email protected] aínda están a tempo de apuntarse en Rutas de Historia. Falamos con Abalde desta interesante Andaina.

Ferrol, a gran cidade da lustración en Galicia, pero tamén a gran cidade obreira e tamén militar. En que medida marcaron estes contrastes a vida social e laboral da urbe?
Desde o S.XVIII nace esa cidade segregada: a Magdalena para a oficialidade da Mariña e Esteiro para o pobo traballador. Nos anos corenta reproduciuse esta mesma lóxica coa construción da praza de España cos seus edificios grandilocuentes separados do novo barrio obreiro de Recimil. Cómpre lembrar que Esteiro é tan froito da Ilustración como a Magdalena. Porén, en 1974 a última corporación franquista decide arrasar o barrio, especular co territorio e expulsar milleiros de familias a Caranza. Hoxe só sobreviven dúas rúas do Esteiro histórico.

En Ferrol, como en Vigo, estiveron, e aínda están, os grandes estaleiros de España. En que medida influíu isto na historia da cidade?

Influíu de maneira determinante. No S.XVIII de ser unha pequena vila mariñeira pasa a converterse na primeira cidade de Galiza, de 500 a 25.000 habitantes. Esta industria de enclave converte a Ferrol nunha cidade moi vulnerábel con constantes crises e recuperacións. Ao mesmo tempo, a gran concentración de traballadores fomentou unha conciencia de clase excepcional. Estas circunstancias permiten discernir con nitidez de onde vén a explotación e de onde a solidariedade.

Cales foron as grandes loitas obreiras da cidade?

Houbo multitude de mobilizacións. Cinco datas fundamentais do S.XX: 1918, revolta das mulleres; 1934, folga revolucionaria; 1946, folga do aceite; 1967, conflito de Obras Civís; 1972, sucesos do 10 de marzo. Porén, o movemento operario procura moito máis que mellorar as condicións laborais. A ignorancia impide a emancipación social, por iso fundan o Centro Obreiro de Cultura, a maior biblioteca de Ferrol.

E segue conservando algo desa rebeldía?

Con certeza, Ferrol posúe un tecido asociativo denso, plural e activo; produto desa cultura participativa propia do movemento operario. As asembleas nas prazas das que fala o 15m lévanse facendo nos estaleiros desde hai décadas.

Asteleiros en Ferrol / visionesdeferrolterra.blogspot.es

Cales son os puntos neurálxicos dese Ferrol rebelde que poderemos ver neste roteiro?

Ferrol rebelde é un roteiro deseñado para aproximarse a cen anos de historia obreira desde o respecto á diversidade ideolóxica e ao pluralismo de proxectos. As tres paradas máis salientábeis: o Centro Obreiro socialista, a porta de Bazán e o lugar onde foi asasinado Moncho Reboiras.

Desta cidade saíron Pablo Iglesias, o fundador do PSOE, do que falarás no roteiro, pero tamén o ditador Francisco Franco. Sabemos que segue habendo obreiros, pero tamén hai elementos reaccionarios en Ferrol?

Como en calquera outro concello. Talvez aquí a sociedade estea máis polarizada e haxa algún grupo de veraneantes especialmente extremista, mais votou a mesma porcentaxe de xente a Vox en Ferrol como en Ribeira.

O punto de inicio do teu roteiro é o brigadier Pozas. Quen era?

En outubro de 1872 a República Federal foi proclamada por este militar catro meses antes que no resto do Estado. Esta insurrección contou co apoio do incipiente movemento operario. Mais en poucos días será derrotada. Os seus membros acabarán no exilio ou presos no forte de San Felipe. Este compromiso republicano vai madurando até culminar en 1931. De 33 concelleiros: 13 republicanos, 13 socialistas e só 7 monárquicos.

Remataremos a andaina falando de Moncho Reboiras. Xustamente hai uns días había varios actos para reivindicar a súa figura. Que supuxo a súa figura en Ferrol? E en que se ten convertido agora?

Reboiras inaugura unha nova etapa do nacionalismo: Das traducións de Hiedegger á autoorganización do pobo traballador galego. Cunha exemplar entrega militante, Reboiras levou á práctica unha convicción: a liberación nacional e de clase son indisolúbeis. Nos anos setenta, na clandestinidade, esta postura resultaba moi ousada. Con décadas de loita, a súa xeración demostrou o atinado da diagnose e forxou o principal sindicato de Galiza.

Ferrol e a súa ría / Latimons.wordpress.com

Por certo, Ferrol, unha cidade que naceu, viviu e loitou no mar, pero un mar que non se pode ver desde cidade. E como é iso?

Fai parte desas dúas cidades: a civil e a militar. Un muro de cinco metros e dous quilómetros separa eses dous mundos. Fóronse abrindo algunhas xanelas, mais o Ministerio de Defensa tenta pór todas as trabas posíbeis. Dificilmente ese extraordinario Arsenal do S.XVIII vai ser recoñecido como Patrimonio da Humanidade se non se abre á cidade.

Precisamente este ano incluiremos por primeira vez en Rutas de Historia unha viaxe por mar. Cambia moito Ferrol vista desde o mar?

Ferrol non remata nos seus límites municipais, pola contra, conforma unha comarca unida polo mar. A viaxe en barco permite apreciar o colosal Arsenal e a beleza natural que rodea a cidade. Ímonos achegar ao castelo de San Felipe. Os seus muros eríxense como un lugar central da nosa memoria democrática. Alí foron asasinadas ducias de persoas. Entre outras: a comunista mugardesa Amada García ou a máxima autoridade militar de Galiza, o xeneral Salcedo Molinuevo, xefe da VIII División Orgánica. O resto dos días do ano esta zona (o hornaveque do castelo) permanece pechada ao público. No ano 2019 continúan a ocultar a nosa historia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: