fbpx
Agresión cunha excavadora á Pena dos Mouros, en Cervantes / patrimonio dos Ancares

Meten unha escavadora nunha mámoa e chántanlle un poste de cemento

Tempo de lectura: 3 min.

O colectivo Patrimonio dos Ancares ven de denunciar unha nova agresión a unha mámoa no concello da Fonsagrada, no límite con Navia de Suarna. Trátase do túmulo número 1 da Fonte das Bidueiras que foi agredido cunha máquina escavadora, producíndolle un gran corte; ademais, sobre a mámoa cravaron un poste de cemento. Está catalogada co código GA27018002.

Tanto as descubertas como a agresión xa foi comunicado ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia para que procedan á súa catologación no caso das primeiras, e inicien o correspondente expediente sancionador no caso do enterramento da Fonsagrada.

Agresión á mámoa da Fonte das Bidueiras, na Fonsagrada / Patrimonio dos Ancares

Novos achádegos

O día 22 de setembro de 2019, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentamos tres novas mámoas, dúas con dolmen (cámara pétrea), nos
concellos de Baleira e Cervantes.

A de Baleira atópase nos montes do Restelo, a 970 metros de altitude, moi preto da confluenza dos concellos de Baleira, Becerreá e Navia de Suarna, e nas inmediacións da necrópole megalítica do Alto da Cruz formada por cinco mámoas. Ten unhas medidas de 20 metros de diámetro e unha altura de 1,05 metros. Do cráter de violación asoman dúas pedras da cámara funeraria. Aprécisase claramente que o enterramento era máis grande, pero as repoboacións forestais realizadas hai anos afectaron á masa tumular.

As localizadas en Cervantes sitúanse na Serra de Palmeám, a uns 1.180 metros de altitude. A primeira ten uns 12 metros de diámetro e 0,80 de altura. Do cono de violación asoman cinco pedras que formaban parte do dolmen, unha delas desprazada; tamén se observan gran cantidade de pedras de lousa e cuarzo que formaban parte da coiraza pétrea que recubrían o túmulo. Este enterramento atópase nas inmediacións da necrópole da Pena dos Mouros formada por tres mámoas.

Mámoa de Savane, en Cervantes / Patrimonio dos Ancares

Preto doutro campo de mámoas

A segunda mámoa de Cervantes, no límite entre as parroquias de Quindous e San Pedro, ten un diámetro de 11 metros e unha altura de 0,70. Tamén posúe cono de violación pero non se distinguen restos de cámara pétrea. Localízase moi preto do dolmen de Savane descuberto polo compañeiro Severino Orozco no mes de febreiro de 2016.

As mámoas de Cervantes, a petición do Colectivo Patrimonio dos Ancares e da Anpa do CPI, entre outros bens patrimoniais da comarca, van a ser
acondicionadas e sinalizadas proximamente pola Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses que coordina a Deputación Provincial de Lugo.

Mmoa de Restelo en Baleira / Patrimonio dos Ancares

Lembramos que os conos de violación facíanse na parte superior do túmulo para buscar inexistentes tesouros; nos enterramentos provistos de dolmen accedían ao interior rompendo a pedra cobertoira ou tampa, de aí que a maior parte dos existentes en Galicia carezan desta peza. As mámoas ou medorras podían ou non podían conter un dolmen no seu interior; os túmulos que carecían de cámara pétrea construíanse a base de terra e pequenas pedras.

Por último, informamos que veñen de comunicarnos de Patrimonio que as catro espléndidas mámoas con dolmen que os do noso colectivo documentamos o pasado 30 de xullo nas parroquias de Aspai e Parada, no concello de Outeiro de Rei, despois da comprobación efectuada polos
arqueólogos da Xunta de Galicia, xa foron catalogadas cos códigos GA270239101, GA270239102, GA270239103 e GA270239104.

Pode que che interese...