fbpx
Posible cabana ritual en Adai, Lugo / Patrimonio dos Ancares

Novos descubrimentos nun dos lugares máis enigmáticos de Galicia; a cabana ritual de Adai, en Lugo

Tempo de lectura: 2 min.

Os integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares, Brais Rodríguez Romero e Xabier Moure, descubriron uns novos pretróglifos no concello de Lugo grazas a unha tala de piñeiros. Foi no Monte das Penas do Caldeiro, na parroquia de Adai, situado a 541 metros de altitude, segundo recolle Lugo Xornal.

Este novo achado tivo lugar na parte superior dun afloramento granítico coñecido como As Penas do Caldeiro onde localizaron máis dunha decena de coviñas, unha combinación de dous círculos concéntricos, unha incisión navicular, unha cruz inscrita dentro dun círculo e un cruciforme. En dous acubillos situados debaixo do afloramento documentaron, ademais, dúas penas con cazoletas

“O lugar atópase nunha zona arqueolóxica de primeira orde xa que nas inmediacións, nun radio duns 400 metros, atópase o dolmen de Adai, varias mámoas, o asentamento do Castrillón, os petroglifos da Pena do Castrillón e da Pena Fita e un dubidoso, para nós, menhir”, engaden os investigadores.

Cruces atopadas en Adai polo colectivo Patrimonio dos Ancares

Moi preto destes novos achados está o que se interpreta como un lugar ritual, cunha impresionante pedra de forma elíptica, segundo estes investigadores, única en Galicia, duns 12 por 6 metros, circundada por 18 buratos comunicados todos eles por un suco. Na parte central vese unha pía circular duns 25 cm de diámetro que desauga noutra rectangular duns 80 por 30 cm e rodeada de varias cazoletas.

“Aínda que se teñen realizado varias conxecturas sobre o seu uso e significado (algunhas raiando o paroxismo; mesmo sabemos de casos de persoas que utilizan o lugar para realizar conxuros, invocacións, etc. En fin…), hoxe por hoxe continúa a ser unha incógnita arqueolóxica, sen ben algúns estudos apuntan a unha base de cabana de tipo ritual”, destaca o colectivo. Toda a información en Lugo Xornal.

Pode que che interese...