Camiño de Inverno / foto Nick_HCCo

Sabes cal é o camiño de Santiago “máis galego”?

Tempo de lectura: 3 min.

Peregrinar a Santiago en tempos medievais non foi en absoluto doado. Mais érao moito menos en tempos en tempos de chuvias e de nevaradas. Tempos nos que o inverno dificultaba os pasos máis difíciles a través das grandes montañas. Unha delas foi o propio paso do Cebreiro, xa entrando en Galicia, a través da montaña de Lugo, que implicaba ascender polo val de Valcarce e cruzar despois o porto por Pedrafita.

Mapa do Camiño de Inverno / foto xacopedia.com

O propio paso polo Cebreiro estaba cortado nalgunhas épocas do ano, nas que a neve enchía os cumios galegos. Era preciso daquela buscar outras posibilidades para non ter que atravesar os camiños cercados pola neve, así como os vales asolagamento polas enchentes dos ríos, aínda que isto supuxera dar un rodeo. O Camiño de Inverno era daquela a ruta escollida polos peregrinos.

Este camiño, no canto da montaña luguesa, empregaba unha entrada natural a Galicia dende a meseta seguindo antigos camiños romanos. No canto de ascender polo Valcarcel, o chamado Camiño de Inverno toma no Bierzo o trazado do río Sil, accedendo a Galicia a través da comarca de Valdeorras, non sen antes pasar polas Médulas. Despois atravesaría a Ribeira Sacra, as Terras de Chantada e Deza, para unirse á Vía da Prata nas proximidades de Dozón.

Ribeira Sacra Paisaxe de Galicia / galiciaunica.es

Paisaxe do Miño na Ribeira Sacra / galiciaunica.es

Así, no canto de algo máis dunha semana, o peregrino tiña que empregar practicamente dez días, e camiñar ata uns 50 quilómetros máis, nun tramo que dende a cidade de Ponferrada ata Compostela implica investir uns 250 quilómetros. Porén o trazado é moito máis agarimoso co peregrino, non so o evitar os tramos de montaña, senón tamén polas paisaxes das comarcas que atravesa e, polo de agora, pola ausencia de masificación.

Un congreso para dalo a coñecer

O Camiño de Inverno ten tamén unha gran singularidade. Pois de entre todos os camiños a Compostela é o único que atravesa as catro provincias galegas. É por isto que para moitos dise que é “o máis galego de todos os camiños”. Pero o certo é que, sexa como for, o Camiño de Inverno é tamén un dos máis descoñecidos, un dos máis retirados da masificación e cunha das rutas máis atractivas.

É por todos estes motivos polo que os Concellos que atravesa o Camiño de Inverno queren dalo a coñecer. Por isto a Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, clausurou o pasado domingo en Monforte as primeiras Xornadas Científicas do Camiño de Inverno. Nelas participaron investigadores como Ana Goy, catedrática da USC, ou o exconselleiro Víctor Vázquez Portomeñe. Todos eles salientaron o valor histórico deste camiño, así como a súa potencialidade para dinamizar as economías locais.

Camiño de Santiago / foto larahcvCC0

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: