fbpx
Ferrol antes da estatua ecuestre / foto http://ferrolbello.blogspot.com

1967, o ano no que Ferrol quixo que Franco quedara para a posteridade na cidade

Tempo de lectura: 2 min.

Medio século e dous anos. Ese é o tempo que pasou dende aquel ano 1967 no que o Concello de Ferrol se esforzaba en converter a Francisco Franco no fillo máis ilustre da cidade. Foi durante o mandato de Rogelio Cenalmor Ramos e foi o ano no que se proxectou e construíu a enorme estatua ecuestre colocada na praza de España. Pero foi tamén o ano no que o consistorio lle regalou ó daquela Xefe do Estado un panteón no novo cemiterio de Catabois.

Estaba claro, as autoridades da cidade de Ferrol querían ó ditador entre eles. Mais Franco nunca elixiu o cemiterio ferrolán para enterrarse, senón que como ben é sabido nestes días, elixiu o cemiterio de El Pardo, ó pé da súa residencia e onde se atopa enterrada Carmen Polo. Despois, por expreso desexo do rei Juan Carlos I, foi enterrado no complexo monumental do Valle de los Caídos.

Carmen Polo, muller de Franco, coa súa familia nos xardíns do Pazo de Meirás

Pola contra a día de hoxe si hai familiares de Franco enterrados en Catabois. Non familiares descendentes, senón os seus avós paternos, unha irmá e unha tía. Os seus descendentes defuntos atópanse en cemiterios da capital de España. No documento de cesión fálase dun agasallo “en atención á gran débeda de gratitude que esta cidade ten co seu fillo máis ilustre”. Un fornelo que se cedería sen custo algún e ningún pago polo seu uso.

Pola súa banda a estatua ecuestre que se erguía no centro da cidade de Ferrol foi tamén un elemento daquel ano 1967. Foi fundida nas naves de Bazán aquel mesmo ano e pagada mediante una campaña na que se chegaron a xuntar 2,6 millóns de pesetas. Foron aportadas por bancos, algúns particulares e Concello, chegando a aportar este último a metade de aquel montante. Foi retirada no ano 2002 sendo alcalde o nacionalista Xaime Bello Costa.

Mais todos estes agasallos ó ditador proviñan dunha mesma iniciativa, a do alcalde Rogelio Cenalmor Ramos, chegado tan so un par de anos antes o consistorio. Foi un avogado de profesión, de familia acomodada, que foi ademais procurador das Cortes pola provincia da Coruña entre 1961 e 1964. Durante a época democrática militante e candidato ó Senado por Alianza Popular. Finaría en decembro de 1990.

Titular do Diario de Noticias de Portugal sobre a vitoria de Franco

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...