fbpx
Torre da Penela en Cabana de Bergantiños / foto Íñigo Mouzo Riobó

Así é a Torre da Penela que Hispania Nostra incluíu na súa Listaxe Vermella

Tempo de lectura: 2 min.

O Castelo da Penela ou Torre da Penela, que a semana pasada entrou na Listaxe Vermella do Patrimonio, aparece documentada por vez primeira no século XIV. Dise que foi fundada por Lope Bermúdez, un nobre emparentado coa liñaxe dos Altamira, casado con Dona Urraca de Moscoso, unha das máis famosas descendentes dos Traba.

Formaba parte da rede de fortificacións para a defensa das terras destes nobres na actual comarca de Bergantiños.  Na fachada conserva escudos de armas dos Castro, Riobóo e Bermúdez o que emparenta a esta torre coa das Torres do Allo, en Baio, no Concello de Zas. Do mesmo xeito que esta, pasaría ó século XVI so como casa forte, e no século XVII habería de converterse en pazo e, tamén igual que estas, acabou abandonada na segunda metade do século XX.

Unha pequena xoia entre exploatacións gandeiras

Ten planta case cadrada duns 79 metros de superficie, con catro alturas. Mais antes do seu derrube so se conservaban dous andares así como unha escaleira de helicoidal de acceso entre eles. É a típica torre medieval, de grosos muros de cantería, con escasos vans, a maioría deles dos séculos XVII a XIX.

Destaca a porta principal, a típica portada do século XVI, e similar a outras do momento da zona. É de medio punto con grandes doelas. Atópase tamén coroada por un tradicional antepeito de cantería con merlóns. Do seu interior destaca a monumental lareira.

A parcela ocupa uns 413 metros cadrados xa que as posesións dos Ozores Pedrosa no lugar fóronse vendendo ós veciños da zona ó longo da historia recente. Quedando a familia, os Condes de Priegue, tan só cunha escasa banda de terra ó redor da torre. Mantense de feito na actualidade encaixada entre explotacións gandeiras. A torre foi declarada no ano 1994 Ben de Interese Cultural.

A Lenda da “Pena Dela”

Da torre destaca ademais, como moitos outros bens en Galicia, polas súas lendas. A máis coñecida é a dunha muller que se achegara ó cruceiro da torre, sendo apreixada xusto antes para ser decapitada. Os veciños que asistiron á escena sentiron mágoa por ela perdoándolle a vida, orixinándose así, segundo a lenda, o nome de “Pena dela”. Mais esta etimoloxía non sería máis que ficción popular, facendo seguramente referencia ó desnivel de terra na que se atopa ou penela.

Torre da Penela en Cabana de Bergantiños / foto Íñigo Mouzo Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...