fbpx
Contorna do Monte Piquiño, no Val da Maía, onde se atopan 30 mámoas / A Rula

Coñece os petróglifos e o gran campo de mámoas da contorna de Santiago, un dos últimos territorios “salvaxes” do patrimonio galego

Tempo de lectura: 6 min.

Petróglifos, grandes campos de mámoas e tradicións e lendas da Galicia máis Galicia. Esa é a oferta do proxecto Rutas de Historia, impulsado por Historia de Galicia, para a tarde-noite deste sábado. Será grazas ao Colectivo A Rula cunha camiñada pola nova Ruta dos Petróglifos de Teo (PR-G 238), recentemente homologada pola Federación Galega de Montaña.

Esta andaina percorrerá os Outeiros e Chans do Piquiño con petróglifos, mámoas, a mítica eira dos mouros e outros penedos con lendas e curiosas formas naturais. Tamén se admirarán as fantásticas vistas do val do Ulla aproveitando a luz do solpor. Ó regreso, xa no lusco e fusco, empregarase a luz artificial para facilitar a visualización dos petróglifos de Cornide e Regoufe. O percorrido total consta de 13 km, unhas 5 horas de duración (ruta e observación dos diferentes conxuntos arqueolóxicos), no que cómpre destacar os petróglifos de Río Angueira, Outeiro do Corno e Pedra Bicuda de Loureiro recoñecidos expresamente como Bens de Interese Cultural. Falamos con Pablo Sanmartín, do Colectivo a Rula.

Este sábado é o primeiro roteiro nocturno do proxecto de Rutas de Historia, precisamente, para observar petróglifos… Que dá a noite que non dea o día para ver a arte rupestre?

A visita nocturna realízase na procura das mellores condiciones para observar os gravados. A proxección da luz artificial sobre os paneis, xerando efectos de luces e sombras permite realzar os sucos da figuras e enxalzar toda a súa beleza. Deste xeito, os petróglifos cobran nova vida e podemos tentar aproximarnos ó conxunto tal e como se concibiu orixinalmente. Tentaremos de amosarvos paneis como as escenas de monta do Río Angueira 2 que dificilmente podemos observar coa luz natural debido ó seu deficiente estado de conservación.

E que elementos imos observar?

A ruta transcorre polo sendeiro homologado pola Federación Galega de Montaña (PR-G 238), que ten como protagonistas principais os petróglifos teenses. É a primeira ruta arqueolóxica sinalizada e homologada da comarca que pon en valor o patrimonio rupestre.

Petróglifo de Teo / A Rula

Cal é a súa importancia ou que destacarías deles?

Visitaremos ata 15 estacións de arte rupestre prehistórico cuxa datación abrangue dende do Neolítico á Idade do Ferro,  sendo a súa maioría da Idade de Bronce. Tamén existe algunha estación de época histórica relacionada co delimitación de antigos territorios. Cómpre salientar os tres petróglifos que contan co recoñecemento expreso como Ben de Interese Cultural, as estacións de Río Angueira (Calo), Outeiro do Corno (Luou) e a Pena Bicuda de Loureiro (Luou), que concentrarán gran parte da nosa atención. As características excepcionais destes petróglifos convértenos en tres dos conxuntos máis importantes do Grupo Galaico da Arte Rupestre e iconas do patrimonio teense. 

Que outros monumentos, paisaxes e sitios arqueolóxicos visitaremos?

O Monte Piquiño entre as parroquias de Luou, Rarís e Lampai, escenario principal da segunda parte do percorrido, destaca pola interesante asociación entre os petróglifos e túmulos, gravados dispostos no contorno inmediato e bordeando esta necrópole megalítica que integran 33 mámoas. Dende esta área arqueolóxica tamén contemplaremos excepcionais panorámicas do val do Ulla e da parte SO do Concello de Teo que marca o linde natural entre a Comarca de Compostela e do Sar. Non obstante, ó longo de todo o percorrido contemplaremos tamén numerosos elementos patrimoniais de carácter relixioso e etnográfico, como capelas, cruceiros, muíños, pontellas, lavadoiros, etc.  A ribeira do río Angueira é outra das zonas destacables, pois conserva unha interesante vexetación de ribeira e unha pequena fraga que chega ata as veigas da aldea de Cornide. 

Destaca o Monte Piquiño. Que oculta este sitio arqueolóxico tan descoñecido ao carón de Santiago?

O Monte Piquiño leva centrando a atención dos investigadores dende finais da década dos anos corenta cando Ramón Sobrino Lorenzo Ruza deu a coñecer os primeiros túmulos e petróglifos. Arestora é a área arqueolóxica con maior número de elementos catalogados da comarca (case medio cento) e é tamén escenario principal do rico patrimonio inmaterial teense asociado ós elementos patrimoniais e naturais da paisaxe que representan pequenos outeiros e chans con importantes mananciais e brañas. 

A pesar de que nunca se fixeron estudos pormenorizados, sondaxes, prospeccións nin escavacións na zona estou convencido que dará moito que falar no futuro se logramos protexer un espazo natural e patrimonial privilexiado que segue a ser un dos últimos territorios “salvaxes” da comarca. Un espazo cultural que seguro vai cativarmos tanto coma min. 

Tamén coñeceremos enclaves asociados ó patrimonio inmaterial teense como a lendaria “Eira dos Mouros de Loureiro”. E que hai detrás desta lenda?

As Eiras dos Mouros son elementos  do imaxinario popular galego presentes en moitas paraxes do noso país. Porén, as lendas pretenden explicar a orixe descoñecida dun feito ou dun lugar e,  ás veces, posúen trazos de realidade. Das Eiras dos Mouros da Lagoa e da Costa de Guindín en Loureiro non fican restos visibles mais si temos descricións destes “círculos de pedrafitas de seixos” en varios artigos de vellas revistas societarias dos anos trinta. Máis recentemente investigadores como X. M. Lema Suárez e Álvaro Parajó, veciños de Teo, publicaron artigos con interesantes achegas sobre estes antigos círculos de pedras do Monte Piquiño. Precisamente A. Parajó recolle o seguinte nun dos seus artigos sobre o Monte Piquiño “un veciño da parroquia deixou escrito que cando era neno, a comezos do pasado século, gardando o gando que pastaba no monte os rapaces daban fortes golpes no chan da eira e lembraba que o son era como se debaixo existira unha cova. Dise que nunca foi escavada”. Serán precisos futuros traballos arqueolóxicos para poder determinar si aínda fican algúns vestixios destes antigos “crómlechs” galegos. 

O Colectivo A Rula levades anos investigando o patrimonio material e inmaterial, sobre todo, os petróglifos de toda a contorna de Santiago. Que destacarías destes intensos anos de traballo?

O colectivo A Rula naceu dunha necesidade e da paixón pola nosa arte rupestre. Da necesidade de facer fronte a una situación de abandono dos petróglifos da comarca e a certo desleixo institucional ante esta situación. Cando xorde o colectivo en 2013 na comarca había apenas 60 petróglifos catalogados, arestora hai máis de 130 e aínda fican máis de 30 pendentes da súa catalogación, estacións importantes nas que estamos a traballar e daremos conta en breve. Un feito que mudou de xeito significativo a imaxe que se tiña da Arte Rupestre nas terras xacobeas. Malia todo, estamos lonxe de pechar o catálogo da arte rupestre na comarca. Seguindo coa premisa de que non podemos conservar o que non se coñece é esencial actualizar o catálogo patrimonial e iniciar novos estudos e proxectos para garantir a súa conservación e posta en valor do xeito que merecen. Son propósitos do chamado “Parque Compostela Rupestre” que naceu por iniciativa da Rula e da que temos a honra de contribuír como membros do Consello Asesor. 

Visita nocturna ao petróglifos de Teo / A Rula

Porén, o eixe central do traballo deste grupo heteroxéneo de persoas que forman O Colectivo A Rula, é o traballo de difusión e sensibilización en prol do coñecemento e conservación do patrimonio cultural da comarca dirixido ós diferentes sectores da sociedade. Neste sentido as visitas como a do vindeiro sábado xogan un papel esencial para achegar a veciñanza e o público en xeral o noso patrimonio dun xeito rigoroso e atractivo, polo menos iso tentamos, e asemade garantir a súa preservación ás futuras xeracións. Formar parte deste Colectivo é para min unha privilexio, abriume a porta para coñecer lugares incribles e persoas coas que aprender cada día cousas novas. 

E como é a relación coas administracións porque seica houbo e hai tirapuxas…

Mantemos boa relación coas diferentes administracións, é esencial colaborar e respectar o traballo dos técnicos e profesionais nese eido. Saber o lugar que ocupamos e simplemente amosar sempre a nosa disposición en axudar no que poidamos cando así nolo soliciten tanto as administracións e entidades públicas como as de ámbito privado. É certo que nos gustaría ter avanzado máis nas diferentes fases que hoxe en día integran o Plan Compostela Rupestre pero como se acostuma a dicir as cousas de palacio van de vagar e cómpre ter paciencia. Penso que nestes cinco anos da Rula fornecéronse bos cimentos, oxalá no futuro academos os obxectivos marcados e tratar de frear o esmorecemento do rural e diversificar a oferta cultural e turística da bisbarra. 

Este tipo de accións axuda a que a xente teña máis conciencia do que atesoura a nosa historia. Notaches algún cambio respecto a percepción social do noso patrimonio?

Si, este tipo de actividades realizadas na comarca, nomeadamente en Teo, contribuíron en algo esencial para nós, lograr implicar á propia veciñanza na valorización deste patrimonio. Sentímonos recompensados cando a propia veciñanza de Cornide ou Regoufe facilita información da ruta ás persoas que visitan a zona, ver a colaboración que prestan os negocios e empresas da contorna  ou simplemente ollar a ilusión que amosan os/as máis veteranos/as do lugar cando observan a rapazada atravesar a aldea de Cornide e mesmo vela interactuar durante as visitas escolares que realizamos cada primavera. Neste caso debemos agradecer ó Concello de Teo, en especial á Concellaría de Cultura, a súa colaboración e implicación nesta programación cultural anual cos centros escolares.

O sábado estaremos no corazón do  Val da Maía, un val moi rico patrimonialmente, pero non cres que é tamén un dos grandes descoñecidos estando ao carón, precisamente, da capital galega? Por que cres que é isto?

Penso que  a causa principal é o descoñecemento xeral deste patrimonio e do valor real que posúen estes bens culturais.  Por iso é esencial a implicación da sociedade civil, de institucións culturais e colectivos que agromaron nestes últimos anos por toda Galiza para tratar de colaborar na preservación dun patrimonio que configura a nosa identidade. 

Algúns consellos para a tarde-noite deste sábado?

Levade roupa de abrigo e calzado axeitado, unha pequena lanterna para o camiño de regreso, auga e algo de comida, mais o principal é seguir as nosas indicacións para evitar calquera posible risco que poida alterar o estado destas alfaias e tamén para non perder detalle destes milenarios deseños. 

Pode que che interese...