fbpx
Palmeral dos xardíns de Méndez Núñez / foto corunaverde.wordpress.es

Está o gran palmeiral da Coruña en Perigo de desaparición?

Tempo de lectura: 3 min.

A mediados do século XIX, co proxecto de Celedonio Uribe para a ampliación do porto, a cidade da Coruña gaño un gran área coñecida como Recheo ou Enchedura. Esta área, ademais de teatros e edificios públicos, tivo a partir de 1868 un xardín aberto á cidade. Co paso do tempo un dos seus maiores atractivos foi un palmeiral plantado previsiblemente a redor de 1880, e que hoxe ten exemplares que superan os cen anos.

Este palmeiral é a día de hoxe un dos espazos máis famosos entre os xardíns históricos da cidade. Mais atópase en perigo. E é que, como xa contamos noutros artigos, de igual xeito que outros grandes xardíns históricos, o palmeiral de Méndez Núñez atópase ameazado polo escaravello picudo vermello, ou rhynchophorus ferrugineus, unha praga que está a infectar e matar as palmeiras de todo o occidente galego, dende Carballiño ata Ferrol.

Unha pronta intervención do Concello

E é que xa na primavera do 2018 apareceron na cidade os primeiros exemplares infectados por este escaravello. Tívose que cortar nese momento ata seis palmeiras en varias fincas privadas e en espazos públicos de Santa Lucía e Alfonso Molina. Daquela o goberno local puxo en marcha un protocolo urxente para actuar contra a invasión, revisando todos os exemplares da cidade e tendo un control extremo das palmeiras senlleiras do concello.

palmeiras nos xardíns de Méndez Núñez na Coruña / foto proxectopalmeirapontocom

Tívose especial coidado coas preto de 75 palmeiras que se atopan repartidas polos xardíns de Méndez Núñez, tanto na rosaleda, como no cantón grande, coma no propio palmeiral. Neste xardín histórico, a práctica totalidade dos exemplares superan os cen anos, chegando a acadar algunha delas máis preto de 30 metros de altura, aparecendo recollidas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

E así que neste sector da cidade o Concello, dentro do seu plan de prevención, optou por fumigar o palmeiral de Méndez Núñez. Para isto contratouse a empresa, Imesapi, a que máis fondamente está a combater a praga en Galicia, que fixo unha fumigación externa de xeito preventivo. A segunda parte do plan foi o control, revisándose secuencialmente o estado dos exemplares.

A primeira palmeira infectada fronte ó edificio da Terraza

Porén nun último control, este mes de setembro, detectouse un exemplar afectado polo escaravello. Trátase dunha das palmeiras que se atopan en fronte do edificio da Terraza e que presenta xa síntomas da presenza do escaravello nas súas follas. Porén, como afirmaban dende a empresa, a presencia do insecto na palmeira colleuse a tempo e é moi posible que este exemplar poda salvarse.

Kiosko Alfonso / foto turismo.gal

Por isto, e a para previr danos maiores, a empresa especializada optou por aplicar un insecticida moito máis potente que o empregado con anterioridade. Xa non é un tratamento superficial senón que entra nos texidos das palmeiras converténdoas en velenosas para o escaravello. Para isto o xardín tivo que ser precintado o que causou a alerta na cidade ante a posibilidade da perda dun dos seus sinais de identidade.

Un exemplar perdido no 2008 pola súa idade

Mais o certo é que os xardíns de Méndez Núñez xa contan con algúns exemplares menos. O caso máis recente foi o da palmeira talada no ano 2008 na Rosaleda. Tras unha revisión do Concello achouse que un dos exemplares se atopaba en mal estado e co tronco apodrecido. Tívose daquela que cortar pedíndose para isto autorización á Dirección Xeral de Patrimonio, acompañándose daquela dun informe técnico.

Mais outras palmeiras dos xardíns foron perdidas máis tempo atrás, sen as garantías que se tivo naquel 2008, pois ata o ano 2007 os exemplares destes xardíns non entraron no Catálogo de Árbores Senlleiras. Así faltan xa algúns exemplares no Cantón Grande, na zona do edificio Atalaia, así como no propio palmeral onde se tivo que substituír algunha das palmeiras, pero xa máis de medio século atrás.

Rosaleda / foto coruna.gal

 

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...