Vila de Noia / foto Luis Miguel Bugallo SánchezCCby Wikimedia

Polémica pola nova entrada a San Martiño de Noia, unha das máis singulares igrexas góticas de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Cando o patrimonio cultural entra en conflito coa accesibilidade universal cal debe primarse? É sen dúbida unha pregunta complexa. Porén, o certo e que a polémica está enriba da mesa, despois de que na igrexa de San Martiño de Noia se instalara un novo acceso adaptado na súa portada norte, aberta á praza da Constitución. Non é de estrañar xa que San Martiño é un dos exemplos máis singulares do gótico mariñeiro galego.

O certo é que a intervención segue por completo todos os requirimentos e recomendacións das cartas internacionais de rehabilitación. Xa que a intervención está feita no propio material do lugar pero diferenciándose a nova obra da antiga. Está por isto feita con grandes lousas do mesmo granito branco do templo e nun estilo contemporáneo e minimalista que trata de distanciarse das formas anteriores da xoia gótica. A intervención é ademais reversible, xa que baixo os novos chanzos, e separado deles por medio de tacos de neopreno, atópanse o antigo acceso.

Nova entrada de San Martiño de Noia / foto Facebook, Canibalismo e Maltrato

Ademais, segundo aclaraba o consistorio, a adaptación fíxose na entrada ó templo que contaba cun menor desnivel. Considérase tamén que a propia escaleira que se quere preservar baixo a nova é, polas súas formas, do século XIX. Afírmase ademais que a obra está autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e conta co informe favorable da Subcomisión de Conservación do Patrimonio da Igrexa.

A pesar disto a solución non acabou de gustar e non foron poucas as críticas nas redes sociais. Para algúns o novo acceso non é necesario xa que sempre hai alguén disposto a axudar. Para outros o problema non está na nova estrutura en si mesma senón na varanda de ferro que previsiblemente se instalará tamén. Pero a maioría bota de menos nunha opción feita en madeira. Non faltan, porén, os que defenden as obras poñendo de relevo os criterios da intervención. O debate está sobre a mesa.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: