Recreación dunha batalla entre suevos e romanos / youtube
Recreación dunha batalla entre suevos e romanos / youtube

Unha escavación tenta clarexar como foi a fin do Imperio Romano e a dominación sueva en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

O equipo de Sputnik Labrego realizará unha intervención arqueolóxica no xacemento de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras, Ourense) entre os vindeiros 26 e 31 de outubro. Esta intervención encadrase dentro das investigacións que o equipo está a realizar  na comarca de Valdeorras dende o 2017, e ten como obxectivo principal facer unha análise do proceso histórico da fin do Imperio Romano e a implantación do reino suevo no territorio. “O xacemento de Valencia do Sil é un caso excepcional polo estado de conservación das estruturas. O noso obxectivo é entender o papel que xogaron este tipo de xacementos nun período relativamente descoñecido da historia do noroeste peninsular”, afirma Carlos Tejerizo, director do proxecto.

Concretamente, a intervención centrarase en escavar unha posible vivenda que foi parcialmente escavada durante os anos 70: “a nosa intención é resolver algunhas cuestións concretas da secuencia do xacemento mediante a collida de mostras para levar a cabo probas de carbono 14, da mesma maneira que poder analizar o tipo de estruturas domésticas deste período e a posible funcionalidade da vivenda”, di Celtia Rodríguez, co-directora da intervención.

Castro de Valencia do Sil, en Vilamartín de Valdeorras, na que se pretende documentar a fin do imperio Romano e o comezo do periodo suevo / Concello de Vilamartin

Así mesmo, nesta campaña levarase a cabo un voo dron para documentar con exactitude a contorna, e facer unha prospección intensiva para detectar todas as posibles zonas con potencialidade arqueolóxica. “A idea é facer unha pequena intervención durante esta campaña, con obxectivos claros e delimitados, para expor un Plan Director de futuras intervencións e para facer unha posta en valor dun sitio único”, continúa Celtia.

Durante os días que dure a intervención, o equipo de traballo levará a cabo visitas guiadas tanto á escavación como ao xacemento. Todo iso en colaboración co arqueólogo Santiago Ferrer, que xa realizou unha limpeza dun barrio do xacemento hai uns meses, e de José Fernández Pérez, veciño de Vilamartín de Valdeorras.  Esta intervención conta co apoio do Concello de Vilamartín de Valdeorras e o Instituto de Estudios Valdeorreses, á vez está financiada polo Instituto de Ciencias del Patrimonio e a Universidade de Santiago de Compostela.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: