fbpx
Esta fin de semana pode degustarse pan de Brea en Carballo / foto teamLumondiCC0

Así era a alimentación antes e despois da chegada dos romanos á Gallaecia

Tempo de lectura: 3 min.

Unha investigación da USC acaba de analizar o cambio e resiliencia na agricultura e na xestión de recursos vexetais no noroeste da Península Ibérica entre os anos 1000 a.C. e 400 d.C. A tese de  Andrés Teira Brión, cualificada con sobresaliente Cum Laude, conclúe que a agricultura tivo un rol importante na conformación de identidades e na maneira de concibir o mundo das comunidades da Idade do Ferro a través dun calendario do día a día en torno aos traballos agrícolas.

A investigación emprega a carpoloxía, disciplina que estuda as sementes e os froitos, para estudar quince novos xacementos e integrar os estudos feitos no noroeste Ibérico. En total analizáronse 630 mostras con máis de 1.000.000 de restos vexetais. A tese reivindica unha mostraxe arqueobotánica máis exhaustiva e estandarizada nas intervencións arqueolóxicas, e unha relectura das sociedades da Idade do Ferro a través das economías domésticas e colaborativas agrícolas como motor destas comunidades. 

Os resultados acadados indican que a adopción de estratexias agrícolas e de relacionarse co medio natural foron cambiantes ao longo do período estudado. Durante a Idade do Ferro produciuse unha intensificación da produción de cereais: trigos (Triticum spelta, Triticum dicoccum e Triticum aestivum/durum), cebadas (Hordeum vulgare), millo miúdo (Panicum miliaceum) e paínzo (Setaria italica). O incremento dos cereais foi parella á conformación de áreas de acumulación de estruturas de almacenaxe fóra dos grupos familiares dos castros. “Esta almacenaxe durante a Idade do Ferro podería estar na base de diferenzas do poder adquisitivo das comunidades ou de grupos que producían ou controlaban as colleitas”, afirma Teira Brión. Ademais, outras plantas xogaron un papel relevante na alimentación, como os legumes –fabas (Vicia faba) e chícharos (Pisum sativum)–, e unha xestión de recursos silvestres, fundamentalmente as landras, continúa.

Castañas galegas/ mercadodelacosecha.com

A conquista romana

Para o autor, a conquista romana do noroeste significou a integración dentro de redes de redistribución mediterráneo-atlánticas. Isto tivo repercusión no espallamento de novos cultivos que acadaron, valor social ou de mercado que chegaban principalmente aos núcleos urbanos. “Nestes asentamentos de nova creación é onde se consumían fundamentalmente especies froiteiras introducidas como o pexego (Prunus persica), a ameixa (Prunus domestica), a moreira (Morus nigra), outras plantas como o melón (Cucumis melo) e árbores ornamentais como co ciprés (Cupressus sempervirens). Tamén se documentan maiormente froitos como a castaña (Castanea sativa), as noces (Juglans regia), os figos (Ficus carica), as cereixas (Prunus avium), as uvas (Vitis vinifera) e piñas de piñeiro manso (Pinus pinea)”, afirma. Estas especies, continúa Andrés Teira, estannos indicando unha xestión diferente á Idade do Ferro, creando espazos destinados á produción de froitos pero, sobre todo, novas formas de produción e de hábitos de consumo e sociabilización.

 “A pesar de poder comprendela como a principal actividade económica, a a gricultura está insuficientemente considerada nas lecturas sociais da Idade do Ferro, máis centradas arredor do conflito, de obxectos entendidos como bens de prestixio ou de discursos que priorizan o intercambio comercial a longa distancia e os encontros entre elites. A escasa segmentación funcional dos espazos durante o I milenio a. C. e o solapamento de actividades especializadas e áreas domésticas, suxire que os traballos cunha división do traballo estrita fosen menos correntes. Isto alude a relacións de traballo máis fluídas e ao dominio de economías domésticas colaborativas. O núcleo familiar como núcleo de produción adoita incorporar ao maior número de persoas posibles, así como fórmulas de traballo en comunidade, onde mulleres, nenas e nenos, e persoas na vellez puideron participar tanto na produción agrícola como na destinada ao intercambio, non exclusivamente homes adultos”, afirma o autor.