Fonte pública do Milladoiro (Parada) con simboloxía franquista en Cerdedo / CS

Fontes e placas, a principal simboloxía franquista das vilas galegas

Tempo de lectura: 6 min.

O 7 de xuño de 2017, Diario de Pontevedra titulaba “Cerdedo-Cotobade celebrará unha homenaxe anual aos represaliados”. Deseguido, na entradiña, o xornal engadía: “O PP está a favor de retirar os símbolos do franquismo, agás a rúa de Manuel Gutiérrez”. No corpo da noticia explicitábanse as rebaixas, pois Xurxo Cubela, alcalde da andrómena fusionada, despois de mostrar a súa adhesión á proposta presentada polo PSOE, moito se apuraba en matizar que o tal acto sería na memoria de todas as vítimas e que de ningún xeito se retiraría a placa do alcalde franquista e falanxista Manuel Gutiérrez Torres do rueiro de Cerdedo. Cómpre lembrar que as vítimas que a dereita considera propias (as caídas combatendo a democracia republicana) xa recibiran no seu tempo sentida homenaxe; porén, as vítimas da represión fascista seguen agardando na Galiza e no Estado o merecido recoñecemento. Aínda por riba, o alcalde eximía o concello de asumir con fondos propios as actuacións conducentes a eliminar os emblemas da ditadura dos espazos e edificios públicos. Segundo o alcalde, estas tarefas abordaríanse cando se determinasen con exactitude os elementos que se debían retirar. Como dirían en Abelaíndo: “Xuntémonos e vaian”, ou como engadiría Bertrand Russell: “Os científicos se esforzan por facer posíbel o imposíbel; os políticos, por facer imposíbel o posíbel”.

Chovía sobre mollado. 

En marzo de 2003, sendo alcalde de Cerdedo Xosé L. Jorge Caramés (PP), o pleno da corporación aprobou por unanimidade celebrar no municipio un acto en resarcimento das vítimas da Guerra Civil (Faro de Vigo, 16-3-2003). Ao ano seguinte, e tras trinta anos no cargo (dende 1974), Caramés entregoulle o mando a Xosé Balseiros, o seu xenro, e aquel compromiso unánime que axudaría a satisfacer unha débeda histórica, caeu, por desgraza, no esquecemento. 

En 2007, con Balseiros (PP) ocupando a alcaldía, o boletín Verbo Xido (nº 17, febreiro de 2007), baixo o titular “Un paso atrás”, publicaba: “Na primeira metade da década dos noventa do século pasado, o concello de Cerdedo acordaba dedicar unha rúa a Manuel Gutiérrez. Pasados case vinte anos des que morrese Franco, voltaba a sombra do ditador. O Partido Popular apoiou en solitario a iniciativa. En abril de 2006, a corporación, por unanimidade, decidía retirar a placa dedicada a quen fora alcalde e, en 1936, destacado falanxista. Oito meses despois, o 15 de decembro, o grupo do Partido Popular revogou o acordo e optou por mantela no rueiro. O BNG votou en contra e o PSOE abstívose”. Impúñase o marxismo: “Estes son os meus principios. Se non lles gustan, teño outros”.

O 22 de setembro de 2015, o xornal Faro de Vigo informaba que, novamente, o poder absoluto do PP na Corporación presidida por Balseiros, tumbaba unha moción do PSOE ao respecto da eliminación da simboloxía franquista en Cerdedo. O propio Balseiros, rexeitando o acordo para celebrar a homenaxe aos mortos, aducía que “ya se habían puesto en contacto en anteriores ocasiones con las familias de las víctimas y estas no querían que se realizasen actos de este tipo en el municipio”. Estes argumentos, amais de electoreiros, resultaron ser falsos.

Campo de Laudas

Fartos de tanta impostura e de tanta inxustiza, en decembro de 2016, o colectivo Capitán Gosende colocou nas Raposeiras (Meilide) a primeira pedra no seu Campo das Laudas (Lugar da Memoria), unha iniciativa cultural que fixo realidade en Cerdedo aquilo que os seus gobernantes teimaron en impedir. Velaquí o texto do panel informativo: “Honroso, necesario e edificante tributo ás persoas que, en Cerdedo, deron a vida ou comprometeron o seu benestar en prol da democracia e da liberdade. O proxecto Campo das Laudas é unha iniciativa privada que non se beneficia de subvención oficial ningunha, senón das achegas do compromiso particular. O Campo das Laudas, que se irá erixindo pedra a pedra, derroga o interesado esquecemento e resarce unha tendenciosa anomalía, xa que neste territorio, carente de xenerosidade e tolerancia política, non se cumpre a Lei de Memoria Histórica”. 

Levamos fincadas cinco laudas en desagravio doutros tantos cerdedeses memorábeis: Xosé Otero Espasandín, Antonio Sueiro Cadavide, Francisco Varela Garrido, Xosé Torres Paz e Martiño Ferreiro Álvarez. Todos eles, torturados, asasinados, perseguidos, maltratados ou esquecidos por defenderen os valores democráticos e a legalidade fronte á sublevación fascista de xullo de 1936. Capitán Gosende agradece as mostras de apoio e agarimo recibidas das familias dos homenaxeados e promete que non dará por concluído este proxecto até que a honra das vítimas cerdedesas do franquismo fique restituída. Xaora, os descendentes dos mártires republicanos participaron emocionados nos actos inaugurais, ofrecéndonos mesmo a súa colaboración económica para a pronta consecución do propósito: erixir na campa unha vintena de laudas. Fica así demostrada a necesidade do recordatorio e, asemade, a actitude tendenciosa do exalcalde Balseiros. 

Fonte pública de Framil (Parada), en Cerdedo, con simboloxía franquista / CS

Actualidade

Feita a esclarecedora analepse, tornemos ao presente. A piques de rematar o ano 2019 constatamos que aquela pírrica adhesión do alcalde Cubela do ano 2017, influída ben seguro pola bicefalia conxuntural, tamén quedou en auga de bacallau. Dous anos antes, en agosto de 2015, Cubela, aínda monocéfalo, reclamaba a atención dos medios ao pedir dende Cotobade que se institucionalizase o 18 de agosto como Día da Galiza Mártir. No xornal Faro de Vigo (20-8-2015), o mandatario alegaba que tomara esta decisión “atendendo a principios éticos e morais” e que a súa adhesión “era un acto de coherencia”. Víndose arriba, Cubela engadía que “Alexandre Bóveda fora unha persoa vil e cruelmente asasinada por defender a súas ideas, por defender a Galicia e por que tivésemos un futuro mellor, e que era unha mágoa que tivésemos que agardar 37 anos de democracia para que se empezase a falar de rehabilitación moral”. Falou o boi e dixo: muu! Dous anos despois, aquela “coherencia” e aqueles “principios éticos e morais” ían polo Lérez abaixo.

Xa nada nos abraia e hoxe menos, pois nos tempos que corren o PP non vai escatimar esforzos para que o seu núcleo duro e disidente torne á casa común. Di a sabenza popular que dunha mula só se pode esperar unha patada, daquela, afeitos a emprender tarefas que xamais asumirá a autoridade local, o colectivo Capitán Gosende principiou días pasados, e en virtude da Lei de Memoria Histórica (52/2007), o inventariado da simboloxía franquista aínda existente no noso territorio co obxectivo da súa pronta erradicación. Mesmo así, cómpre lembrarlle á alcaldía que unha administración que alardea do incumprimento das leis, xamais poderá facer valer a súa autoridade moral sobre ningún dos seus administrados.

Dende o colectivo Capitán Gosende facemos un chamamento a outras asociacións ou colectivos irmáns para que, nos territorios baixo a súa xurisdición, promovan ou emprendan esta tarefa tan lexítima coma necesaria.

Sen présa pero sen pausa, imos adiantando traballo. Xa que logo, botamos arestora man dos medios que temos ao noso dispor para dar a coñecer, aos poucos, o resultado das nosas pescudas, sempre en beneficio das arcas públicas e do interese xeral, pois esta misión, coma todas as que enfrontamos, é de balde pero non en balde. Abstéñase o alcalde de esgrimir a escusa da falta de fondos; a desculpa, por manida, acabaría soando a “por non ter, non teño nin para pagar as consecuencias dos meus actos”.

Non queremos rematar esta introdución sen deixar por escrito que o 20 de novembro de 2019, o xornalista Fernando Salgado, en representación do colectivo Capitán Gosende, falou na sede do Parlamento Europeo da existencia en Cerdedo (Galiza) do Campo das Laudas, co gallo da xornada “O franquismo despois de Franco”, acto organizado polo grupo de Memoria Histórica da Eurocámara. Porque a cacicaxe xamais foi quen de poñernos o bozo.   

 

INVENTARIO

 

Simboloxía franquista na parroquia de Parada

 

 

  • Fonte pública de Framil

 

 

Localización

Concello: Cerdedo.

Parroquia: Parada.

Lugar: Framil.

Coordenadas: X: 552.101; Y: 4.711.679

Inmóbel: Fonte pública con placa memorativa na cabeceira. Inaugurada no ano 1949, sendo alcalde Xerardo Lorenzo, o primeiro alcalde da ditadura en Cerdedo. Fonte, bebedoiro e lavadoiro. Restaurada recentemente (Faro de Vigo, 20-4-2017). Os traballos de acondicionamento (chapado en pedra) foron realizados pola brigada municipal de Obras (Pontevedra Viva, 19-4-2017) que se preocupou de manter os símbolos anticonstitucionais. O texto e o emblema da placa foron esborranchados con spray negro. Posteriormente, borrouse a pintura do texto, mais non o borrancho do emblema. As siglas J.A.M correspóndense a “Junta de Acción Municipal”. No arquivo do colectivo Capitán Gosende gárdase unha foto da fonte que data da súa inauguración.

Aditamento ilegal: 

Elemento: Placa de mármore gris con inscrición.

Dimensións: 53 cm x 20 cm.

Texto e/ou emblema:

 

[Símbolo de Falanxe (á esquerda)]

J.A.M. AÑO 1949,

SIENDO ALCALDE

GERARDO LORENZO

 

Accións pendentes: Retirada do elemento, destrución ou entrega á familia Lorenzo, no caso de que a reclamen.

 

 

  • Fonte pública do Milladoiro

 

 

Localización

Concello: Cerdedo.

Parroquia: Parada.

Lugar: O Milladoiro.

Coordenadas: X: 552.124; Y: 4.711.236

Inmóbel: Fonte pública con placa memorativa na cabeceira. Inaugurada no ano 1950, sendo alcalde Manuel Gutiérrez Torres, o terceiro alcalde da ditadura en Cerdedo. Fonte, pío, bebedoiro e lavadoiro. Restaurada recentemente (Faro de Vigo, 20-4-2017). Os traballos de acondicionamento (rexuntado da pedra) foron realizados pola brigada municipal de Obras (Pontevedra Viva, 19-4-2017) que se preocupou de manter os símbolos anticonstitucionais. As siglas J.A.M correspóndense a “Junta de Acción Municipal”. No arquivo do colectivo Capitán Gosende gárdase unha foto da fonte que data da súa inauguración.

Aditamento ilegal: 

Elemento: Placa de mármore branco con inscrición.

Dimensións: 29 cm x 19 cm.

Texto e/ou emblema:

 

[Símbolo de Falanxe (á esquerda)]

J.A.M. 

1950

 

Accións pendentes: Retirada e destrución do elemento.

 

 

  • Fonte pública da Insua: Segundo o testemuño dos veciños, os traballos de acondicionamento levados a cabo recentemente (ano 2017) no inmóbel ocultaron a simboloxía de Falanxe tallada na cabeceira.

 

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Profesor, investigador e etnólogo

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: