fbpx
María del Valle Lozano, moza da lImia asasinada polos fascistas en 1937

“O terror en carro de vacas”… Cando as mozas republicanas María del Valle e Salud foron secuestradas e asasinadas polos franquistas no 1937

Tempo de lectura: 2 min.

O adro da igrexa de Mosteiro de Ribeira (Xinzo de Limia, Ourense) acolle este sábado día 23 de novembro, ás doce e media da mañá, a inauguración dunha placa na honra de María del Valle e Salud Torres, dúas mozas asasinadas polo fascismo.

María del Valle e Salud foron secuestradas e, posteriormente, asasinadas o 29 de outubro de 1937. Logo do crime foron trasladadas ao cemiterio polos veciños nun carro de vacas.

No acto, tras o que haberá un xantar de irmandade, participarán a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama; os poetas Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer; o profesor Xesús Alonso Montero; o coordinador da investigación para os traballos de prospección arqueolóxica da ARMH, José Cabañas; o amigo da familia del Valle, Manuel Peña Rey, e a neta de María del Valle, Paz Gomez del Valle Ochoa. Presentará a xornalista María Valcárcel e a música correrá a cargo de Laura Bello, clarinete, e Javier María López, frauta travesa.

Claudio Rodríguez Fer lerá o sentido poema que dedicou a estas mulleres antifascistas no seu libro Ámote vermella (2008), titulado “O terror en carro de vacas“, onde denuncia o pavoroso clima de represión na provincia de Ourense durante a guerra civil, con gravados ilustrativos de Sara Lamas:

Gravado de María del Valle, por Sara Lama

O TERROR EN CARRO DE VACAS

ata a Lomba de Lamas,
onde os doces prados do outono
son lameiros de regos transparentes
fluíndo baixo a última sombra da noite
espida polas pastoras das brañas
e polas aves canoras na albada,
ata alí mesmo,
tras subir lentamente polo Monte Furriolo,
chegou o terror en carro de vacas

non se pecharon máis
os ollos das nenas pobres do campo
nin deixaron de ver nunca
o sangue do chedeiro
escorrendo polo cabezallo,
pingando polo eixo,
revirando na roda
flamexante e vermella
como un sol tristemente caído
sobre a lama da lomba

o carro secular e inmóbil,
o alarido interminable
da cantadeira sobre o eixo,
o arrepío dos estadullos en punta
coma se os fungueiros saísen espetados
polas furas das feridas das mulleres mortas,
eran a expresión do medo

pero non doeron máis a María de Beiro
os balazos que coseron o seu corpo
que os que descoseran antes
a seu fillo Manuel,
que os que descoserán máis tarde
a seu fillo Ricardo

non magoaron máis a Salud
as balas que acabaron coa súa vida
que as que remataran coa xustiza,
pois a esperanza tiña entón a parálise
dun carro de bois detido sobre o barro
por desfeita cerebral no outono

elas eran o leite nutricio
e as mazás da vida
no tempo do leite ardendo gasolina
e da mazá con hemorraxia interna

ninguén puido comprendelo
na Lomba de Lamas

fusilaran o leite branco,
fusilaran a mazá vermella,
e o terror viña en carro de vacas
aforcando a dignidade co xugo

Pode que che interese...