fbpx
Restos do castelo de Altamira / miscastillos.blog.com

Preparando o 550 aniversario dunha das grandes batallas da Revolución Irmandiña 

Tempo de lectura: 2 min.

A Deputación da Coruña e os concellos de Brión e Ames traballan na posta en marcha dos actos de conmemoración da Batalla de Altamira, un dos grandes enfrontamentos bélicos das Guerras Irmandiñas. 

O día 13 de xuño de 1471 foi o día en que aconteceu a gran batalla que tivo lugar no entorno da Ponte Maceira e, con posterioridade, ao pé das Torres de Altamira, un acontecemento histórico que os Concellos de Ames e Brión, xunto coa Deputación da Coruña -propietaria do monumento- queren conmemorar con especial atención de camiño ao ano 2021, cando se conmemoren os 550 anos deste acontecemento histórico. 

A Deputación da Coruña, a través da área de Contratación e Patrimonio que dirixe Xosé Lois Penas, está realizando un estudo por parte de persoal técnico para analizar as posibilidades de actuación para a mellora do ben patrimonial, do contorno, da súa posta en valor e tamén do acondicionamento para posibles novos usos, entre as que se inseriría a conmemoración do aniversario da batalla. Así, a celebración do 550 aniversario da Batalla xirará arredor das Torres de Altamira e inserirase dentro dun proxecto global que se prepara arredor do monumento con esas consideracións.

Ponte Maceira - Ames

Ponte Maceira, estrutura medieval que une os concellos de Ames e Negreira e que un histórico paso do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía / Galipedia

As Torres de Altamira, un Ben de Interese Cultural 

A Batalla de Altamira tivo lugar no ano 1471 en diversos escenarios. A súa orixe remóntase ao desexo de Lopo Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira, de reconstruír as Torres. Pero este atopouse co enfado do arcebispo de Santiago, que se opoñía ao castelo ás aforas de Santiago. 

As Torres, que están  consideradas como un Ben de Interese Cultural, están situadas nun espazo privilexiado que as converte nun magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. A edificación chegou a contar con seis torres e unha muralla rodeando un suntuoso pazo, ao que se incorporou no fin do século XVI por encargo do V Conde de Altamira á capela dos Reis Magos, onde eran soterrados en panteóns os nobres propietarios. A partir do século XVII, os condes deixaron de habitar o castelo

A Casa de Altamira vendeu as torres en 1872 e boa parte das pedras e distintos elementos arquitectónicos que a compuñan foron dar a distintas casas e construcións veciñas, como a propia capela de Santa Minia, destruíndose tamén a propia torre da homenaxe. Xa no ano 1973, a Deputación da Coruña mercou a propiedade, iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres, xunto algunhas ventás con arcos que datan da reconstrución de 1471.

Pode que che interese...