fbpx
Petróglifo atopado en Cervantes / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Sabes onde están os petróglifos máis altos de Galicia?

Tempo de lectura: 2 min.

Localizada unha nova estación con petróglifos no concello de Cervantes. Con esta nova descuberta, dende o ano 2013, o Colectivo Patrimonio dos Ancares leva localizadas no concello de Cervantes 19 estacións con gravuras rupestres ao aire libre, entre elas as situadas a maior altitude de Galicia, a 1.800 metros, no Pico do Mustallar. Ata ese momento obstentaban esta “distinción” os petróglifos das Arcas, a 1.770 metros de altitude, no concello ourensán de Manzaneda.

A maioría das insculturas documentadas son coviñas, e só, con estas últimas, catro combinacións de círculos concéntricos, a representación da pegada dun animal ungulado (a primeira, que nós saibamos, da provincia de Lugo) e un gravado navicular.

A 1.100 metros

A última estación en ser atopada está no monte Bidual, entre as aldeas de Vilarello e Piornedo, a 1.100 metros de altitude. Nunha pena granítica, arredor dunha pía natural, documentamos dúas combinacións, unha moi erosionada, de dous e tres círculos concéntricos con coviña central e tres grupos de coviñas agrupadas de dúas en dúas.

Coviñas atopadas en Cervants / Patrimonio dos Ancres

As combinacións circulares teñen como base o círculo, documentándonse en Galicia varios tipos. Trátase dun motivo enigmático, sendo obxecto
de varias interpretacións (representacións do sol, ofrendas votivas, etc.). As coviñas son as representacións máis sinxelas da arte rupestre ao aire libre, podendo aparecer illadas, formando agrupacións ou, como no presente caso, asociadas a outros motivos, tanto de temática naturalista como xeométrica, interpretándose como recipientes para ofrendas, para recoller a auga que sería utilizada nalgún tipo de ritual, receptáculos para sacrificios, relacionadas coa fertilidade, etc. Tanto unhas como outras terían un significado simbólico-relixioso.

“Malia o anterior, ao tratarse dunha arte simbólica, son para nós, en principio e como acontece co resto destas representacións prehistóricas, de natureza inintelixible e co único que xogamos son con hipóteses xa que este sistema de comunicación desapareceu xunto coas persoas que os xeraron, incluso cabe a posibilidade de que o seu significado só sería comprensible a determinados integrantes daquela sociedade. Estes petróglifos podémolos adscribir á Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos“, apuntan desde o Colectivo Patrimonio dos Ancares.

Pode que che interese...