fbpx
Monte de lixo na estación rupestre do Couto dos Golpes, na parroquia de Santa Cruz do Salto, no concello de Cabanas / Xabier Moure

Sepultan unha estación de petróglifos de 4.000 anos baixo un monte de lixo

Tempo de lectura: 2 min.

A estación rupestre do Couto dos Golpes, na parroquia de Santa Cruz do Salto, no concello de Cabanas, apareceu esta fin de semana sepultada baixo un monte de lixo proveniente, á vista do material acumulado, dunha casa: portas, ventás, listóns de madeira do chan, televisores, parte do motor dun coche, antenas, caixas de plástico e un longo etcétera de desperdicios. Durante toda a fin de semana estiveron depositando máis lixo neste conxunto de arte rupestre.

Este grupo de petróglifos, catalogados pola Xunta de Galicia como “Couto dos Golpes 2” (código GA15015037), foron descubertos hai uns 25 anos polo Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos. Trátase dun gran afloramento granítico onde aparecen representados máis de 200 motivos, a maioría gravados hai uns 4.000 anos: Círculos simples, combinacións de círculos concéntricos, cadrados, coviñas, cruces gregas e latinas, posibles taboleiros de xogo tipo alquerque e outras figuras de interpretación complicada debido á erosión. Sen dúbida algunha, trátase dun dos grupos de petróglifos máis interesantes do norte de Galicia.

Estación rupestre do Couto dos Golpes, na parroquia de Santa Cruz do Salto, no concello de Cabanas, limpa, antes de que fora sepultada por lixo / Xabier Moure

Non moi lonxe hai outros dous grupos, “Couto dos Golpes 1” e “Couto dos Golpes 3” que, lamentablemente, están deixados da man de Deus, nun completo abandono e practicamente inaccesibles debido á mestísima maleza que medra entre unhas plantacións de eucaliptos realizadas non hai moitos anos.

Conxunto megalítico

Na contorna dos petróglifos hai tamén dous campos de mámoas, catalogadas como A Lamestra e Monte dos Golpes, con 5 e 7 enterramentos respectivamente. Dos 12 túmulos, só 3 se conservan mal que ben, o resto foron practicamente arrasados por plantacións de piñeiros e eucaliptos.

Este luns o colectivo Patrimonio dos Ancares presentará unha denuncia ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e o Concello de Cabanas polo atentado arqueolóxico e medioambiental. Tamén solicitará a Patrimonio que informe se para realizar as plantacións das árbores se pediu o obrigado permiso.

Restos de obra, madeira, motores, electrodomésticos e máis lixo sobre a estación rupestre do Couto dos Golpes, na parroquia de Santa Cruz do Salto, no concello de Cabanas / Xabier Moure

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...