fbpx
Mámoa de Láncara que é utilizada como marco divisorio entre parroquias / Patrimonio dos Ancares

As tres mámoas que seguen delimitando lindes e camiños en Galicia 6.000 anos despois

Tempo de lectura: 3 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares comunicoulle ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia a existencia de 10 mámoas entre os concellos de Láncara e Baralla que non figuran nin no PXOM definitivo do Concello de Láncara nin no PXOM inicial, aínda non aprobado, do Concello de Baralla; tampouco constan no Plan Básico Autonómico (PBA) da Xunta de Galicia. Sitúanse a 700 metros de altitude, ao longo dos montes de Penas Longas e do Penedo Branco, todas a carón de antigos camiños que comunicaban distintas aldeas de ambos os dous municipios.

Temos que distinguir dous grupos. Cinco mámoas, situadas en pastizais, aínda que as súas medidas van dende os 14 aos 20 metros de diámetro,
perderon gran parte da masa tumular debido aos labores agrícolas polo que a súa altura non sobrepasa en ningún caso os 30 centímetros. Caso distinto son as cinco restantes, situadas en montes de repoboación forestal (piñeiros maiormente) con medidas que van dende os 20 aos 22 metros de diámetro, e con alturas entre 1 e 1,80 metros.

Todas as mámoas atópanse a poucos metros do límite administrativo entre os concellos de Baralla e Láncara, pero hai tres que comparten unha singularidade: actúan como marcos divisorios entre as parroquias de Armea e Galegos (Láncara) e Berselos (Baralla), sendo ademais os únicos enterramentos do conxunto que conservan parte da cámara funeraria de pedra (dolmen), se ben é certo que carecen das tampas cobertoiras, destruídas, probablemente, a raíz da real cédula outorgada no ano 1609 polo rei Felipe III ao crego e fidalgo do couto de Recimil de Parga, Vázquez de Orxas, para buscar “tesouros”, feito que ocasionou que o campesiñado profanara e destruíra, ao menos, 3.000 enterramentos ao longo de Galicia.

Mámoa atopada en Láncara, que fai de marco divisionario entre parroquias / Patrimonio dos Ancares

Citadas no Catastro de Ensenada

Estas tres mámoas, ademais, son citadas como marcos nos interrogatorios do Catastro de Ensenada de mediados do século XVIII cos nomes de A Medorra, A Modorna Embarrigada e a Medorra de Barcela. Na mesma liña divisoria atópase o petroglifo, este si catalogado pola Xunta, da Pena do Oso que tamén figura no devandito catastro como marco de término entre as parroquias de Armea e Souto de Ferradal (Láncara) e Covas (Baralla).

Está sobradamente documentado que en moitos casos ao longo da historia, mámoas, pedrafitas e petroglifos foron utilizados en Galicia como marcos. Estas mámoas que vimos de documentar teñen unha antigüidade duns 6.000 anos. Trátase, en definitiva, dun importante cemiterio de época neolítica que os Concellos implicados deberan poñer en valor. Lamentablemente, o patrimonio prehistórico destes dous municipios atópase nun estado de conservación de regular a malo.

Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares, para evitar as agresións ou a súa destrución (de forma deliberada ou non), insistimos na necesidade de que
tanto os PXOM como o PBA da Xunta de Galicia estean ao día xa que son unhas ferramentas fundamentais de consulta polos propietarios dos terreos á hora de acometer calquera tipo de actuación nos sitios con bens patrimoniais, principalmente onde hai mámoas, petroglifos ou castros que son os
xacementos máis vulnerables á acción humana. Se a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia de 2016 lle esixe aos propietarios consultar se no
terreo onde van acometer algún tipo de actividade hai un xacemento arqueolóxico para evitar que sexa danado ou destruído, as Administracións
públicas teñen a obriga de manter actualizada esa información, tanto no tocante á existencia dun ben patrimonial como da súa correcta ubicación.
Día si e día tamén estamos a comprobar que moitísimos xacementos figuran mal situados ou non figuran na cartografía da Xunta de Galicia, así como que os PXOM municipais, despois de ser publicados, convértense nuns fósiles que non se volven actualizar.

Mámoa entre Láncara e Baralla que marca un límite territorial / Patrimonio dos Ancares

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...