fbpx
Museo da Catedral de Santiago, colección permanente / foto catedraldesantiago.es

Atopo.gal, o novo portal do patrimonio cultural de Pontevedra

Tempo de lectura: < 1 min.

Deputación de Pontevedra acaba de pór en marcha o novo portal web atopo.depo.gal que permitirá á cidadanía coñecer preto de 700.000 referencias públicas do patrimonio cultural do Museo de Pontevedra e do Servizo de Patrimonio da Deputación, así como doutros 128 concellos e institucións da provincia.

A deputada de Patrimonio, María Ortega, e o deputado de Novas Tecnoloxías, Carlos López Font, presentaron esta web que permitirá “a golpe de clic” atopar un arquivo documental ou bibliográfico, cartográfico ou audiovisual (libros, revistas, xornais, cartas, mapas, fotografías, debuxos, música) nun marco sinxelo de divulgación, integración e investigación.

A nova ferramenta integra diversos fondos documentais e bibliográficos nun mesmo portal, chegando a manexar preto de 14.000.000 de imaxes dixitais. O material dixitalizado configúrase ao redor de seis áreas: libros, imaxes dixitais pertencentes á colección do Museo de Pontevedra e a Biblioteca do Arquivo Provincial da Deputación de Pontevedra; xornais e revistas; fondos documentais, incluíndo material impreso dixitalizado dos arquivos municipais, da Deputación de Pontevedra e Museo de Pontevedra; mapas, coa dixitalización dunha gran colección cartográfica; material gráfico; e material sonoro. Máis información no Galicia Confidencial.