fbpx
O apalpador versus Papa Noël

Por que hai quen non acepta o Apalpador e o Pandigueiro no Nadal de Galicia?

Tempo de lectura: 2 min.

A socialización do Apalpador como personaxe do Nadal vinculado aos nenos supón a recuperación dunha figura que só sobrevivía con certa folgura na parte oriental de Galicia. Logo dunha serie de traballos de investigación, esta figura mítica vai collendo corpo pouco a pouco fronte as figuras de Reis Magos ou Papá Noel, vinculadas uns á relixión e o outro á parte do Nadal máis comercial. É por iso que algunhas voces desde o mundo da educación, a antropoloxía e a cultura, consideran o personaxe do Apalpador como unha opción que se aparta das outras dúas, creando un novo espazo para os máis pequenos.

Con todo, hai partes da sociedade galega, e tamén desde algúns partidos políticos, que non aceptan a introdución do Apalpador ou Pandigueiro no Nadal de Galicia. Estes días está tendo lugar un interesante debate nos comentarios do xornal Galicia Confidencial sobre os defensores e detractores desta persoaxe.

A polémica sobre esta figura do Nadal apareceu cando algúns sectores políticos e sociais, consideraron que era unha copia do Olentzero vasco. Tamén se apuntaron críticas desde o galeguismo, pois ao non estar mencionado pola Xeración Nós, a súa existencia era dubidosa. As persoas que traballan sobre a figura do Apalpador, defenden o seu labor científico

As orixes

Pero, como xorde a recuperación desta tradición?. A Asociación cultural Gentalha do Pichel recolleu unha conversa con José Lôpez, antropólogo galego que deu co personaxe do Apalpador nunha visita ao Courel, de onde era a súa parella. Despois de escoitar nunha casa a unha muller chamada Amadora do Galego que “hai que preparar as cousas para o Apalpador” Lôpez comezou a recopilar cantigas sobre este ser que vivía nas devesas, contrastando e recompilando a memoria oral que aínda quedaba sobre este personaxe.

Logo da publicación dun artigo de Lôpez no Portal Galego da Lingua sobre as súas pescudas no Courel, a asociación de Santiago de Compostela Gentalha do Pichel comezou a popularizar o Apalpador. “Do que foi unha investigación antropolóxica ao que é hoxe en día, o que considero máis importante é ese momento en que planifica a acción de socializar o Apalpador” di o autor Sechu Sende.

Precisamente, persoas vinculadas á Gentalha do Pichel comezaron a gravar a xente maior nas zonas onde aínda quedaba memoria do Apalpador. O obxectivo era dar credibilidade a este ser mitolóxico. “Quería mostrarse que era unha presenza viva” di Sechu Sende.

A recollida de testemuñas en vivo, gravalas para demostrar que era un mito real, non inventado, serviu tamén para recuperar cantigas sobre o personaxe e coñecer que o regalo de Nadal para os nenos e nenas eran castañas, ningún outro presente.

O que tamén se considera importante, é transmitir ás novas xeracións que a socieadade agraria celebraba a chegada do solsticio de inverno, tal e como se recuperan outras celebracións que se como é o samaín, o solsticio de verán. “Tal vez o máis importante é que se fai sen apoio institucional, desde abaixo, desde un movemento social, coincidimos cunha serie de valores do Nadal que representa o Apalpador” declara Sende. Máis información no Galicia Confidencial.

 

Pode que che interese...