Por que non recuperar os miliarios e aras romanas tiradas en estradas ou regaladas a bispos? | Historia de Galicia
Miliario en Sarria, tirado xunto unha casa, a carón dunha estrada / X.M.

Por que non recuperar os miliarios e aras romanas tiradas en estradas ou regaladas a bispos?

Tempo de lectura: 3 min.

O cuartel de San Fernando, un BIC, é un edificio neoclásico que foi inaugurado a finais do século XVIII. No ano 2005, despois dunhas negociacións que duraron dez anos, foi mercado polo Concello de Lugo ao Ministerio de Defensa. Xa dende un primeiro momento comezaron as liortas, cando o Concello asegurou que llo cedera á Xunta de Galicia, feito que esta negou. Entrementres as desavinzas entre os partidos políticos continuaron (e continúan) ao non poñerse de acordo para que ía (vai) ser utilizado: Auditorio, Museo da Romanización, Colexio ou Parador de Turismo. A estas alturas, uns e outros acúsanse de ser os responsables do abandono. E mentres, a casa sen varrer.

Diante da eterna polémica sobre o uso que debe darse ao antigo cuartel, no Colectivo Patrimonio dos Ancares posicionámonos a prol de convertelo nun museo referente da Cultura Galaico-Romana.

Ara á intemperie no adro da igrexa do Buriz (Guitiriz) / X.M.

Espalladas por toda a provincia, temos ducias de pezas descoñecidas pola maioría da xente. Pola súa ubicación, moitas están expostas a sufrir agresións e mesmo a desaparecer. Outras, por atoparse á intemperie, están a padecer os efectos dos axentes naturais o que lles está a provocar unha grave deterioración. Un número importante están en mans particulares o que impide que sexan coñecidas polo público que sería preciso recuperar.

Por outra parte, en moitas igrexas e capelas atópanse pezas situadas no seu interior e nos adros polo que sería necesario que as Administración públicas iniciaran conversas co seu propietario, o Bispado de Lugo, para acrecentar o patrimonio do futuro museo. Tampouco debemos esquecernos das pezas procedentes da provincia de Lugo custodiadas noutros lugares, entre outros, o Museo do Castelo de San Antón da Coruña, a Universidade de Santiago, o Museo de los Caminos de Astorga ou o Arqueolóxico Nacional cos que se podería negociar o traslado para Lugo.

Mercurio de Bronce atopado en Lugo e que se atopa no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña / X.M.

As pezas

Por poñer só algúns exemplos, temos aras e estelas nas igrexas, capelas e adros de Amoexa (Antas de Ulla), Virís (Begonte), Temes (Carballedo), O Buriz (Guitiriz), Río (Láncara), Esperante (Lugo) ou Liñarán (Sober). En casas particulares de Cervantes, Guitiriz, Sarria, O Saviñao ou Taboada. No Museo do Castelo de San Antón da Coruña temos unha ara a Locoubu procedente de Outeiro de Rei; no Museo de los Caminos de Astorga miliarios procedentes de Guntín de Pallares e Rábade; no Arqueolóxico Nacional seis torques procedentes da parroquia de Arcillá, en Cospeito. Tamén atopamos exemplares en áreas recreativas e mesmo tirados a carón dunha estrada. E así on longo etcétera.

Por tratarse dunha peza singular e que podería vir para Lugo, temos o Mercurio de Bronce aparecido na cidade e que se atopa no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón da Coruña. Como curiosidades, os miliarios de San Romao da Retorta (Guntín de Pallares) e outro de Rábade foron regalados por un presidente da Deputación de Lugo a finais do século XIX ao bispo de Astorga.

Dende o noso colectivo consideramos que as Administración públicas deberan deixarse de liortas que non conducen a nada e traballar xuntas para valorizar e visibilizar un patrimonio que é toda a cidadanía, e que mellor que nun museo que pode ser referente da cultura Galaico-Romana.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: