Quiosco e terraza modernista de Sada / sada.gal

A terraza de Sada, un dos grandes edificios modernistas de Galicia, xa é BIC

Tempo de lectura: 2 min.

O Consello da Xunta aprobou este xoves o decreto polo que se declara ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento, a Terraza de Sada, na Coruña. O Executivo autonómico destacou que se trata dun ben singular de Galicia polos seus valores culturais e representa un caso único de conservación entre os inmobles modernistas desta tipoloxía e función, de lecer, na Comunidade autónoma. A Xunta lembrou que o expediente foi incoado en abril de 2018 e, no proceso, contou cos informes favorables do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Real Academia Galega de Belas Artes.

A partir da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia (DOG), a terraza contará cun réxime que implicará a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poña en perigo o monumento.

Este réxime, conforme indicou, tamén implica o acceso de visitantes un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día. Con esta declaración, o Goberno galego sinalou que dá un paso máis en salvagárdaa e posta en valor do patrimonio cultural da comunidade, traballando na protección daqueles elementos que acreditan valores culturais singulares.

Unha construción modernista

A Terraza é un testemuño único e singular dos pavillóns ou quioscos modernistas típicos dos anos 20. Comezouse a construír en 1912 no recheo do paseo de Méndez Núñez, na Coruña, sobre un deseño probablemente do arquitecto Antonio López Hernández. Foi trasladado á praia urbana de Sada entre os anos 1919 e 1920.

A linguaxe arquitectónica empregada combina a versatilidade dun espazo diáfano co emprego dun estilo radical, urbano e actual, enlazado coa tendencia europea da época e co claro obxectivo de diferenciarse da arquitectura histórica e a institucional. Non en balde os quioscos resultaban instalacións innovadorass tanto na tipoloxía arquitectónica, construtiva ou funcional coma ornamental.

A terraza está construída principalmente en madeira e vidro, coas formas e cores do modernismo. O concepto é esvelto, lixeiro, aberto e luminoso; e a decoración profusa en adornos xeométricos estilizados e voluptuosos. A medida que variaron os seus usos -sempre sociais e de ocio- o edificio foi evolucionando e ampliándose, incorporando mesmo un salón de baile diáfano rodeado de paneis acristalados de cores vivas.

A súa tipoloxía foi orixinal pola novidade que supoñía para unha sociedade urbana o uso de espazos públicos relacionados co cambio da estrutura da cidade, das comunicacións e dos estándares da calidade de vida. No referido aos valores arquitectónicos e artísticos, pola calidade do deseño, destacan os espazos claros e vivos, tinguidos de cores e de elementos ornamentais cunha xeometría sensual e acolledora, calidade e calidez reforzada polo exercicio artesanal da produción das pezas con que está construído. Así mesmo, valórase, no sentido etnolóxico, o feito de que a terraza é un edificio apreciado polo pobo de Sada e en Galicia en xeral, punto central do modernismo entendido como un sinal identitario, e en proceso de recuperación con actividades lúdicas e culturais periódicas.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: