Así viviron e morreron os mariños galegos que se embarcaron na primeira volta ao mundo hai 500 anos | Historia de Galicia
Mapa de Martin Wardseemüller de 1516 mostrando o mundo coñecido dos europeos nesa época

Así viviron e morreron os mariños galegos que se embarcaron na primeira volta ao mundo hai 500 anos

Tempo de lectura: 12 min.

José Riesgo Boluda, investigador

EXPEDICIÓN DE JUAN DÍAZ DE SOLÍS

A inicios do século XVI Portugal, con asentamentos e fortes na costa de África, monopolizaba o comercio das especias (canela, cravo, xenxibre e noz moscada, ademais de sándalo e incenso) algo que entón entusiasmaba en Europa e que xeraba beneficios. Fernando o Católico non espera quedar atrás no negocio e organiza unha expedición co fin de achar polo novo continente americano un paso que facilite a chegada a Oriente, para iso enviou a Juan Díaz de Solís que percorreu con tres carabelas a costa brasileira ata chegar ao actual Rio da Prata, alí, unha delas, remontou o río desembarcando con sete homes na ribeira oriental. A historia é coñecida, na mesma beira os nativos charrúas, no actual Uruguai, matáronos, degolaronos, asáronos e comeronos, desde a carabela presenciaron o drama; derrotada, o resto da expedición, previo naufraxio dunha das naves, volveu a Castela, era setembro de 1516.

Ilustración de Taínos durante a conquista hispana de América

EXPEDICIÓN DE HERNANDO MAGALLANES

Ano 1519, 10 de agosto, Sevilla, porto de Las Muelas. É Rey Carlos I. Unha frota de cinco naves, Victoria, Trindad, Concepción, San Antonio e Santiago ao mando de Hernando de Magallanes parte en busca dun novo roteiro cara ás Illas da Especería que elimine o monopolio portugués, a tripulación intégrana 247 homes, no rol da Concepción, como grumete, nin sequera como mariñeiro, “Gonzalo de Vigo, natural de Vigo, que es en Galicia, hijo de Rodrigo Álvarez e Isabel Núñez, ha de haber de sueldo a ochocientos maravedís por mes, recibió por el sueldo de cuatro meses adelantados tres mil e doscientos maravedís”..

Embarcan outros oito galegos que farian un total de nove, doce se consideramos galegos ao calafate da nave Victoria, Ximón de la Rochela, ao grumete da Concepción Juanes de Tuy e ao tamén grumete Vasco Gómez que foi na Trinidad e volveu na Victoria. Na dotación, italianos, portugueses, franceses, gregos, belgas, alemáns, holandeses, quizais dous irlandeses, e un inglés… Unión Europea en estado puro. A expedición termina de abastecerse en Sanlúcar e o 20 de setembro faise á mar alcanzando a costa de Brasil dous meses despois, mais ou menos o mesmo día no que outros aventureiros, ao mando de Hernán Cortés e co apoio dos nativos Tlaxcaltecas, chegan a Tenochtitlán, México.

Magallanes continua camiño cara ao Sur en busca do paso cara ao Mar das Illas da Especería. O paso non aparece e decide facer invernada cinco longos meses na descoñecida Patagonia, no que chama Puerto San Julián, aquí faise patente o desgusto de determinados capitáns, entre eles o da Trinidad que morre nun intento de rebelión, o seu corpo é descortizado; o da Concepción, en xuízo sumarísimo, resultou condenado á morte, decapitado e descortizado; do capitán da nave San Antonio, abandonado nun illote con escasas provisións, nunca máis se soubo. Magallanes, resolutivo e claro na idea, consolida o mando. Ao sur de San Julián, nun recoñecemento rutineiro da costa, naufraga a nave Santiago.

Outubro de 1520. Chega o verán austral, a frota abandona Puerto Santa Cruz e de novo rumbo Sur; por fin aparece o paso, un estreito angosto e un labirinto de entradas e saídas. Cansados dunha longa e dubidosa navegación deserta volvendo a España por Sevilla a nave San Antonio con 57 tripulantes, entre eles Luis de Avendaño, grumete, “hijo de Martín de Avendaño y Catalina, vecinos de Deca, que es en Galicia”. Quedan tres naves.

A Victoria, a Trinidad e a Concepción sendo finais de novembro dobran un cabo que chaman “Deseado” e remontan o estreito. Un océano sosegado que nomean “Pacífico” atrasa o avance, escasean as provisións, brota o escorbuto e prodúcense mortes, entre elas, o 18 de xaneiro de 1521, na nave Victoria Rodrigo Gallego, “natural de La Coruña, hijo de Duarte Hernández y Beatriz Rodríguez”; no derroteiro dese día figura este apuntamento: “Al Oesnoroeste, en 17º ½. Falleció Rodrigo Gallego, grumete de la nao Victoria, el cual falleció de enfermedad”. O 2 de abril, seis días antes de topar terra, morre Vasco Gallego, piloto da Súa Maxestade na nave Victoria segundo as crónicas, era galego aínda que non sabemos de onde, antes de partir recibira corenta e cinco mil maravedies, cantidade importante.

Illa de Guam, illa na que quedou Gonzalo de Vigo no arquipélago das Illas dos Ladróns, hoxe Illas Marianas (EE.UU). Grabado da illa que consta no mapa científico do archipiélago filipino, publicouse en Manila en 1734. O grabador foi Nicolás de la Cruz Bagay. Fonte: Biblioteca Dixital Hispánica. Guam (punto obrigado de atraque do “Galeón de Manila”)

Despois de cen días de non ver terra aparecen as primeiras illas que chaman de “Los Ladrones”, algo máis tarde chegan ás Filipinas; nunha praia da insignificante illa de Mactán, nunha escaramuza mal calculada para castigo do seu Rey Lapulapu, morre Hernando de Magallanes e outros oito tripulantes, era o 27 de abril, entre estes dous galegos, Antón de Noya“grumete, natural de Noya, que es en Galicia; hijo de Bartolomé Baamonde y de Catalina, su mujer, venció un sueldo de veinte meses diez y siete días” e Rodrigo Nieto “vecino de Orense, hijo de Diego Nieto y de Constanza Feyo, sobresaliente, que fue en la nao San Antonio, y después fue mudado a la Victoria por mandado del capitán Fernando Magallanes, venció un sueldo de veinte meses diez y siete días”. As crónicas cóntano así; “Una flecha envenenada atravesó la pierna del capitán que mandó retirada en orden; pero la mayor parte de los nuestros huyó precipitadamente, quedando solo siete u ocho con el capitán … así murió nuestro guía, nuestra luz, nuestro sostén”. Antón de Noya e Rodrigo Nieto foron valientes, tamén leais. O 1 de maio, na Illa de Cebú, contigua á de Mactán, en emboscada, morren outros vinte e cinco tripulantes, entre eles Ximón de La Rochela. No rol da Victoria de Ximón dise, “Calafate, natural de La Rochela, hijo de Guillermo Guimar y Perrine, vecinos de Santa María de Relo, ha de haber de sueldo a cinco ducados por mes. Recibió por sueldo de cuatro meses adelantados”. Historiadores expertos identifican “La Rochela” con “A Rochela”, lugar da parroquia da Devesa, Ribadeo, entendendo, en consecuencia, que Ximón era galego. Non está claro. “La Rochela” pode ser a castelanización de “A Rochelle” cidade francesa de tradición marítima no norte de Aquitania, Santa María de Relo, veciñanza dos pais, é un topónimo que non existe nin en Ribadeo, nin en Galicia, pode ser Saint Marie de Ré, na illa de Ré, contigua A Rochelle.

Subsisten 118 navegantes, escasos para tres embarcacións, decídese queimar a nave Concepción, a máis castigada das tres; a partir de aí a Trinidad e a Victoria, baixo dubidoso mando do portugués Juan Lopes Carvalho, realizan unha navegación errática de seis meses polos arquipélagos indonesio e filipino chegando ata Brunei (Isla de Borneo). De Brunei a expedición parte de mala maneira, con présas pouco explicadas. A tripulación decide depoñer a Lopès Carvalho. Gómez de Espinosa asume o mando da Trinidad e Juan Sebastián Elcano o goberno da Victoria. En novembro, dous anos despois da partida, chegan ao destino, ás Illas da Especería, Isla de Tidori, no arquipélago das Molucas onde cargan de especias -principalmente cravo–. Deciden retornar a España, é 18 de decembro de 1521.

Á alba sería cando a Victoria alzou velas e fíxose ao mar de fóra para esperar á Trinidad que experimentou dificultade para levar áncoras. Os mariñeiros observan unha vía de auga na sentina, a Victoria regresa ao seu fondeadeiro. Para atopar a vía descargáronse as mercaderías da Trinidad, aínda así a auga entraba con forza. Habendo dúas naves decídese que a Victoria retorne a Castela en solitario aproveitando ventos que comezaban a soprar de Levante. A Victoria, con 53 tripulantes e con cartas dos camaradas que quedan nas Molucas, parte rumbo Oeste tres días despois; “Se despidieron las naves con descarga recíproca de artillería… nuestros compañeros nos siguieron en sus chalupas hasta donde les fue posible y todos nos separamos llorando”.

A “ TORNAVIAXE” DA NAVE TRINIDAD

Abril de 1522, as reparacións da Trinidad concluíron, nos pañois cargáronse setecentos quintais de cravo. Espinosa, prudente, quere evitar un posible contacto cos portugueses en costas africanas e decide retornar en sentido contrario, rumbo Leste, atravesando o Pacífico ata chegar a Santa María de la Antigüa, no Darién (Panamá), único porto español posible entón; a tripulación é de 50 homes, entre eles Gonzalo de Vigo. O retorno da Trinidad, desde os seus comezos, foi difícil; achou ventos contrarios que impedían avanzar cara ao Leste polo que desviou o seu roteiro cara ao Norte buscando outros favorables, navegou 700 leguas alcanzando o paralelo 42. Aí un temporal de doce días danou a nave; as mortes por escaseza de alimentos eran continuas. Iniciado agosto o capitán decide virar as velas e regresar ás Molucas; no retorno volven atopar arquipélago das Illas dos Ladrones; na illa Mao teñen novamente problemas e Gonzalo de Vigo abandona a nave con tres compañeiros. O capitán chama por eles, ofrécelles perdón pero só volve un deles. Gonzalo queda en terra, deserta. É final de agosto de 1522.

Non lle faltaba razón a Gonzalo, a travesía da Trinidad ata As Molucas foi penosísima, nos meses de setembro e outubro morren 27 tripulantes, entre os falecidos Juanes de Tuy, “hijo de Gonzalo Fernández e Isabel Rodríguez, grumete, que fue en la nao Concepción, que se deshizo, y quedó en la nao Trinidad; venció de sueldo 28 meses y 11 días, (Es portugués, según dicen)” e Juan Gallego, “natural de Pontevedra , hijo de Alonso Rodal e María Martín, vecinos del Canto de la Barca, ques en Galicia, que fue por grumete en la nao Trinidad y quedó en ella; venció de sueldo, hasta que la nao Victoria partió de Maluco 28 meses y 11 días”. A Trinidad chegou ás Molucas con 17 tripulantes. Foi foi apresada polos portugueses que someteron aos sobreviventes a traballos forzados; só catro volverían anos máis tarde.

Morte de Magallanes na illa de Mactán, grabado século XIX

CHEGADA A SEVILLA DA NAO VICTORIA

Máis ou menos o mesmo día que Gonzalo de Vigo abandona a Trinidad, o 8 de setembro 1522, chega a Sevilla a nao Victoria con 18 tripulantes. Orgullo e coraxe. Elcano cóntao así, “Descubrimos y dimos la vuelta a toda la redondez del mundo, que yendo por el occidente regresásemos por el oriente”. O retorno da Victoria foi duro, desde Tidori chegáronse ata a Illa de Timor onde se abasteceron desertando catro tripulantes; no Índico austral atoparon frío e tormentas. Tras mes e medio de travesía, en metade do océano, divisaron unha illa á que rodearon, non atopando fondo nela non puideron deterse. Trátase da que despois se chamou Illa Ámsterdam, aínda hoxe deshabitada.

A partir de aquí os falecementos, principalmente de fame, foron continuos, xa no Atlántico fan outra maniobra moi arriscada. Ttras cento cincuenta e oito días embarcados fan provisión en Cabo Verde, illa de Santiago, onde os portugueses apresan a trece homes, entre eles o paxe Vasquito, un neno ao que todos deberon coidar, e que, supostamente, era de Galicia, fixo do piloto dunhanao. “Relación de sueldos debidos” di,“Paje, hijo de Vasco Gallego, piloto, fue y vino en la nao Victoria, el cual se embarcó sin ser asentado en el libro ni el alarde y se fue con su padre Vasco Gallego, por mandado de Fernando de Magallanes, según información que dan, diciendo que le haría de pagar el sueldo: sirvió en la dicha nao de paje: ganó el sueldo de tres años y veinte e ocho días”. A información da “Relación” é confusa, sabemos que Vasco faleceu pouco antes de chegar ás Illas dos Ladróns e que Vasquito quedou en Cabo Verde. De Cabo Verde parten rápido e regresan a España por roteiro desacostumbrado e longo, polas Illas Azores, Elcano, á chegada, non se esquecería destes trece compañeiros e fixo o Rei unha petición, ”Suplico a Vuestra Majestad que provea con el Rey de Portugal la libertad de aquellos trece hombres que tanto tiempo han servido”. A petición de Carlos I non se fixo esperar e tivo éxito (entendemos que previo pago dun rescate), en xaneiro de 1523 os trece de Cabo Verde retornaban.

O 6 de setembro a Victoria chega a Sanlúcar, dous días después a nave é remolcada ata Sevilla. “Bajamos todos a tierra en camisa blanca y a pie descalzo, con un cirio en la mano, para visitar la iglesia de Nuestra Señora de la Victoria y la de Santa María de la Antigua, como lo habíamos prometido hacer en los momentos de angustia”. Entre os que chegaron a Sevilla, dous galegos, Diego Gallego, mariñeiro da Victoria, “natural de Bayona la Mayor que es en Galicia, hijo de Francisco de Carmona y María Pérez, difuntos, fue en la nao Victoria y vino en ella; venció el sueldo desde el diez de agosto de mil quinientos diez y nueve años hasta ocho de septiembre de de quinientos veinte y dos años, que son tres años y veinte e ocho días” e Vasco Gómez Gallego, o rol indica, “grumete, hijo de Vasco Gómez Gallego y Catalina García, vecinos de Bayona de Galicia”. Non obstante, na Relación de soldos debidos dise, “Fue en la nao Trinidad y vino en la nao Victoria, y caso de que se nombra gallego es portugués y no entra en el número de los que S.M. dio facultad de los pudiesen ir, por cuya causa los señores del Consejo han de determinar el sueldo, o no; venció sueldo de tres años y ocho días”.

Pouco mais sabemos de Diego e Vasco, coñecemos que, según a “Relación de costales con cravo existentes na nao Victoria”, a Diego entregáronlle, “Dos costalejos atados en uno, que son de Diego Gallego, que pesaron ocho libras, poco más o menos” e a Vasco, “Otra taleguita pequeña, con otros dos talegoncitos pequeños, que es de Vasco, grumete, que podrá pesar siete libras”, pouco froito para tanto esforzo.

Desembarco en Sevilla dos tripulantes da nao Victoria. Óleo de Elías Salaverría Inchaundarrieta, 1922. Existen duás copias, Deputación Foral de Gipozkoa e Museo Naval de Madrid. É de pouca calidade

EXPEDICIÓN DE LOAYSA

Transcorren dous anos. Carlos I non cesa no empeño de chegar ás Illas da Especería a través do Pacífico.

Mar duro, vento longo, estrela clara. Nun amencer amarelo do 24 de xullo de 1525 unha frota de sete naves parte do porto da Coruña co obxectivo de, “habemos mandado que se haga el asiento y casas de contratación … e vos [Loaysa] habeis de quedar en dichas islas para tener la gobernación de ellas”. Ten o mando da expedición na nao Santa María de la Victoria, García Jofre de Loaysa, as outras naves son: a Sancti Spiritus, o goberno de Juan Sebastián de Elcano, piloto maior e segundo xefe; Nuestra Señora de la Anunciada, construida en Baiona; San Gabriel; San Lesmes; Santa María del Parral e Santiago. A dotación foi de 450 homes, a maior parte “xente de guerra”, galegos.

A expedición foi un fracaso, a Santi Spiritus, naufragou na Patagonia; máis tarde desertaron a Anunciada e a San Gabriel; a Anunciada pretendeu alcanzar As Molucas polo rumbo oposto, polo Cabo de Boa Esperanza, sur de África, nunca máis se soubo dela; a San Gabriel, ao mando do capitán Rodrigo de Acuña, posiblemente galego, fixo rumbo a España, tras múltiples circunstancias ancorou en Baiona de Galicia o 28 de maio de 1527 “sen capitán con 27 tripulantes e 22 indios do Brasil e no tendo biscoito para máis de cinco ou seis días e tres botas de viño”. Unha arribada distinta.

Remontado o estreito quedaban catro naves, tras seis días de navegación polo Pacífico un temporal as dispersa; a San Lesmes desapareceu e dela cóntanse mil lendas polo Pacífico sur, dise que nas illas de Polinesia acháronse hórreos similares aos galegos; a Santiago practicou rumbo Norte e consumou unha insólita viaxe de 10.000 kms ata alcanzar a costa occidental de México; a Santa María do Parral cruzou o Pacífico chegando ás Molucas; tras motín liderado por dous mariñeiros galegos, Romay e Sánchez, a nave naufraga morrendo a maioría da tripulación a mans dos nativos, outros foron capturados. Anos despois unha expedición de rescate que partiu de México atopa aos galegos convivindo cos nativos; pescúdase o sucedido. Romay e Sánchez son condenados a morte, arrastrados e os seus corpos partidos en cachos.

GONZALO DE VIGO

A travesía polo Pacífico da Santa María de la Victoria non foi fácil. De novo o escorbuto, poloque morren preto de corenta homes, entre eles Loaysa e Elcano; o 5 de setembro de 1526, cen días despois de remontar o estreito, chegan, como fixo Magallanes cinco anos antes, ás Illas dos Ladróns; unha gran cantidade de piraguas con nativos rodean a nave, un deles, con acento galego, di, “En buena hora vengáis, señor capitán, maestre y la compañía”. Os da Victoria, incrédulos, pregúntanlle cómo chegara a aquelas terras: “Señores, yo soy uno de los de la armada del capitán Magallanes, y salime de la nao del capitán Gonzalo Gómez de Espinosa, cuando tornó á arribar al Maluco. No pudiendo ir á la Nueva España, porque en esa sazón se morían de cierta dolencia en la nao, salimos yo y otros dos compañeros portugueses por miedo de morir, en la isla más cercana del Norte, y allí mataron los indios a los otros dos compañeros míos por ciertas sinrazones que ellos cometieron, y después me pasé de allí con unos indios a esta isla de Botahá; y soy gallego y me llamo Gonzalo de Vigo, y sé muy bien la lengua de las islas”.

O asombro da tripulación foi grande, tras catorce meses de navegación insufrible chegan a unha illa remota e o primeiro que escoitan é, “En boa hora veñades…”. Gonzalo tras requirir do “seguro real” embárcase na Santa María de la Victoria que partiu aos cinco días cara ás Molucas onde naufragou pouco antes de que os portugueses a capturaran. Quizais Gonzalo despediuse dos nativos aos que, ante o resplandor da fogueira, contaría mil historias das ondas do Mar de Vigo, aqueles catro anos non deberon ser fáciles, quizáis transcorreron imaxinando a chegada dunha nave, a nave chegou, eran os seus, a súa patria.

Pouco máis coñecemos de Gonzalo de Vigo, foi o intérprete da expedición, sabemos que durante anos, servindo á súa Maxestade combateu a sangue e lume aos portugueses a posesión desas afastadas illas. As crónicas cítano sete anos despois, en decembro de 1533, na chegada dos portugueses á illa de Gigolo tras o Tratado de Zaragoza que definiu a propiedade, posesión, navegación e comercio na demarcación das Illas Molucas que finalmente permaneceron en mans portuguesas por 350.000 ducados de ouro. En Gigolo e nas illas contiguas resistían dezasete españois esquecidos; sabemos o nome de nove que, repatriados polos lusitanos, volveron por Lisboa nos anos 1534 e 1536 e doutros que, tendo familia con nativas, alí permaneceron. A Gonzalo non se lle menciona nin cuns nin con outros, non debería ter máis de trinta anos, era un sobrevivente. Quizais se namorou dunha moluqueña de ollos negros e pel canela e alí quedou, no camiño, ao amparo da lúa vermella e do tempo cálido. Aromas de lenda.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Investigador

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: