fbpx
Pía bautismal románica roubada da igrexa de Santa María dos Ánxeles, en Brión / remitida

Atopada foto da pía roubada en Brión… Agora hai que atopar a quen a roubou

Tempo de lectura: < 1 min.
Xa se atopou unha foto da pía bautismal roubada na igrexa de Santa María dos Ánxeles, en Brión. Varios veciños de Brión compartiron nas redes sociais e informaron a Patrimonio Galego, tal e como este portal publicou o domingo, sobre o roubo desta pía que non estaba catalogada.
Esta peza atopábase fóra da igrexa, xunta con outra de maior tamaño, e foi un veciño o que se decatou da falla da peza e deu a voz de alarma ao párroco. Pero o cura non tiña foto ningunha. Agora, e tras a aportada por un usuario das redes sociais poderase presentar a correspondente denuncia.
A igrexa parroquial de Santa María dos Ánxeles sitúase no lugar de A Igrexa, pertencente a parroquia dos Ánxeles. O actual edificio é barroco pero construíuse sobre restos románicos que evidencian a inxente actividade construtora dos séculos XII como a cruz antefixa que coroa o seu presbiterio ou algunhas das pedras que compoñen a sacristía. De feito, as pías románicas, entre elas a que foi roubada, pertencían a primeira etapa deste templo.