Castro de Valencia de Alcántara / Sputnik Labrego

Datacións de Carbono 14 en Valencia do Sil destacan a importancia de Valdeorras en época tardorromana

Tempo de lectura: 2 min.

O equipo de Sputnik Labrego recibiu as primeiras datacións radiocarbónicas das recentes escavacións arqueolóxicas que confirmarían a ocupación do asentamento de Valencia do Sil nun momento tardorromano “moi probablemente no século IV”, sen descartar polo momento nin momentos anteriores nin momentos posteriores. “Porén, as dúas datacións efectuadas parecen ser bastante claras co respecto á ocupación nun momento tardorromano”, explica Carlos Tejerizo, director do proxecto.

Estas datacións foron feitas no laboratorio BETA Analytics, situada en Miami e onde tamén se mandaron as mostras do recente achado de Vilachá polo proxecto Adegas da Memoria, coordinado por Xurxo Ayán. Concretamente, as mostras de Valencia do Sil proceden de dous ósos de animal das escavacións feitas por Santiago Ferrer e polo equipo de Sputnik Labrego no pasado verán. “A datación por medios científicos do asentamento era un dos obxectivos fundamentais da pasada campaña”, afirma Celtia Rodríguez, co-directora das escavacións, “os resultados ven a confirmar as hipóteses propostas tanto polo equipo como por Santiago Ferrer e José Fernández a partir das súas análises do material arqueolóxico”.

“Importancia de Valdeorras”

Estas datacións radiocarbónicas foron financiadas polo grupo Síncrisis, da Universidade de Santiago e dirixido polo catedrático Marco García Quintela. José Carlos Sánchez Pardo, profesor da USC pertencente a este grupo e colaborador no proxecto de Valencia do Sil resalta a importancia dos resultados: “Este é un gran paso para confirmar a importancia de Valdeorras en época tardorromana, se ben abre moitas preguntas con respecto ás razóns polas que se ocupou o sitio e, sobre todo, cando e por que se abandonou”. Estas preguntas engádense as interesantes perspectivas abertas polo recente descubrimento en Proendos feito por Francisco Alonso Toucido, de Estela Arqueoloxía, “sen dúbida, hai que seguir investigando”, afirma José Carlos.

As escavacións en Valencia do Sil terán continuidade en 2020 grazas á implicación do Concello de Vilamartín de Valdeorras, cuxo obxectivo é poñer en valor o sitio mediante un proxecto conxunto co equipo Sputnik Labrego e a Universidade de Santiago de Compostela, co fin de que o xacemento sexa unha referencia arqueolóxica, non soamente na bisbarra de Valdeorras, senón de toda Galicia.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: