fbpx
Onde había unha estación de petróglifos en Friol hai hoxe un prado / Colectivo dos Ancares

Desaparece outra pedra con petróglifos en Friol

Tempo de lectura: 2 min.

Debuxo de César Parcero e Carlos Otero de como eran os petroglifos do Monte de Lamelas, en Friol, cando os estudaron / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Os do Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de denunciar unha nova agresión ao patrimonio arqueolóxico de Friol. Nesta ocasión foi a dous grupos de petroglifos situados na parroquia de Guimarei, catalogados no ano 1997, dous anos despois da publicación da primeira Lei do Patrimonio Cultural de Galicia que, polo feito de tratarse de gravuras rupestres ao aire libre, teñen a máxima protección legal ao estar considerados como Ben de Interese Cultural (BIC).

O primeiro, catalogado como Petroglifo 1 do Monte de Lamas (código no catálogo GA27020086), cubríronno de pedras ao acondicionar o terreo como pastizal. Na actualidade só se ve unha mínima parte das gravuras. Estaba composto por máis de 20 cazoletas unidas por trazos curvos e rectos, coviñas rodeadas por un círculo e dúas cruces, unha sinxela e outra cos brazos rematados en lóbulos. Daquelas foron estudados polos arqueólogos César Parcero Oubiña e Carlos Otero Vilariño.

O segundo, situado a uns 400 metros do anterior, catalogado como Petroglifo 5 do Campo da Feira (código no catálogo GA27020105), simplemente desapareceu, tamén, ao acondicionar o terreo para pasto. Estaba composto por gran cantidade de cazoletas unidas por trazos rectilíneos e curvos e motivos cuadrangulares.

Non é a primeira vez que acontece isto.  Hai unhas semanas, os veciños da parroquia de Rubións, nas Neves, en Pontevedra, informaban do roubo de dous petróglifos e o intento de roubar un terceiro tal e como xa relatou HdG. Un feito insólito dentro do patrimonio galego.

Respecto

“Temos que aclarar que non temos nada en contra de que se acondicionen os terreos para o desenvolvemento da actividade agrícola e gandeira, pero cústanos entender que se cometan estas agresións”, apunta o colectivo. “Unhas rochas que apenas ocupan uns poucos metros cadrados non van entorpecer en absoluto dita actividade. Ademais, as pedras retiradas para acondicionar o terreo poden amontoarse noutro sitio, non precisamente sobre os petroglifos, e menos, como no caso do segundo, facelo desaparecer”, engade.

Os feitos xa foron comunicados á Xunta de Galicia para que, en aplicación da Lei do Patrimonio Cultural, inicie o correspondente procedemento sancionador, obrigando ademais, no primeiro caso, aos propietarios do terreo a que despexen, baixo control arqueolóxico, a pena cos gravados das pedras que amontoaron indebidamente. E no segundo, no suposto de que non fora destruído e só tapado, se volva a descubrir.

Unha cruz con remates lobulados, un dos poucos motivos que non quedaron debaixo das pedras coas que se ocultou un petróglifo en Friol / Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...