fbpx
Hórreo do Arco do Castro, en Dodro / Xoán Xosé Vicente

O Concello de Dodro restaurará o Hórreo do Arco do Castro, un canastro único en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

O Concello de Dodro aprobou en pleno a cesión, por parte dos propietarios, do Hórreo do Arco de Castro para proceder á súa restauración. Trátase dunha construción única en Galicia e atópase e risco inminente de derrube. 

O Hórreo do Arco de Castro atópase nun antigo castro e é un canastro de de catro claros no que a cimentación é unha espectacular repisa de perpiaño de granito, de gran altura. Ten a particularidade de presentar no centro un gran arco de medio punto, a xeito de pasadizo que da paso a un pequeno curral interior que serve de acceso ó propio hórreo e a outras dependencias e que facía tamén de parapeto defensivo en outros tempos. 

“Tras moitos anos escuros de abandono do Patrimonio Cultural e mesmo de destrución, coma no caso do Castro de Imo,  novo goberno de Dodro quere recuperar e sinalizar os numerosos bens arquitectónicos, arqueolóxicos e etnográficos do concello”, apunta o concelleiro de Cultura e Patrimonio de Dodro, Xoán Xosé Vicente.

Petróglifos de Bouza Badín / Xoán Xosé Vicente

Recuperación dos petróglifos de Bouza Badín

Vicente tamén destaca que o concello tamén ten a intención de limpar e sinalizar os petróglifos de Bouza Badín, unha impresionante estación rupestre con doce paneis de gravados nos que se atopan dende escenas de caza, círculos concéntricos, antropomorfos ou coviñas. “Sen dúbida un xacemento de arte rupestre da Idade do Bronce máis relevante da comarca”, indica.

Así, e despois da cesión da Comunidade de Montes “Cruz do Abelán” dos terreos, mediante unha subvención da Deputación da Coruña, a Concellería de Cultura e Patrimonio de Dodro vai valorizar este lugar que agora se atopa en estado de total abandono. 

Ruta arqueolóxico-literaria Pensa Nao, baseada no libro de Anxo Angueira, e que acaba de poñer en valor o Concello de Dodro

Posta en valor da Ruta Literaria e Arqueolóxica “Pensa Nao”

Outra das iniciativas é a recuperación da Ruta Literaria e Arqueolóxica “Pensa Nao”,  baseada no libro do mesmo títuo do que é autor Anxo Angueira, e que foi Premio Xerais en 1999. Esta ruta percorre os lugares que describe a obra, a aldea de Sernanselle (Manselle na realidade) e os principais xacementos arqueolóxicos de Dodro e que na actualidade se atopaba totalmente abandonada.

O Concello de Dodro xa ten nove rutas publicadas que percorren todas as aldeas, as brañas de Laíño, as Veigas de Lestrobe e outra ruta literaria, “Os días olvidados” nas que se describen os lugares do poeta de Laíño, Eusebio Lorenzo Baleirón. “Con todas estas rutas pretendemos dar a coñecer os valores culturais e naturais dos Laíños e de Dodro para atraer turismo e, dunha vez, dar a coñecer o noso concello”, destaca Xoán Xosé Vicente.

Pode que che interese...