fbpx
Campamento romano de Penedo dos Lobos, en Manzaneda, unha vez rozado / romanarmy.eu

Piden investigar o campamento romano de Penedo dos Lobos, ameazado por un plan de repoboamento forestal

Tempo de lectura: 3 min.

En Marea, a través do deputado Davide Rodríguez, ex alcalde de Manzaneda e agora deputado desta formación, acaba de presentar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para investigar o Campamento Romano de Penedo dos Lobos, un dos mellores sitios arqueolóxicos destas características conservado en Galicia. Deste xeito, téntase tamén actuar antes do inicio do plan de repoboamento forestal que danará de maneira irreversible este sitio arqueolóxico.

Así, na iniciativa pide que se destine unha partida económica suficiente para facer o proxecto de protección, investigación e divulgación deste ben, así como para levar a cabo a súa posterior execución.

O campamento romano de Penedo dos Lobos atópase no Concello de Manzaneda, nunha zona tradicional de pastoreo con vexetación que dificultaba a súa identificación. O seu tamaño -2,34 has- defíneo como un campamento de reducidas dimensións con capacidade de acoller ata mil lexionarios. O seu estado de conservación é moi bo e ten, aínda, as características catro portas que definen os recintos militares romanos, e case a totalidade do perímetro da muralla defensiva que ademais, de xeito moi pouco habitual, está construída en pedra.

Campamento romano de Penedo dos Lobos, en Manzaneda / romanarmy

Campamento estacional

Penedo dos Lobos foi ocupado durante un período curto de tempo, aínda que á luz da análise das evidencias, os especialistas consideran que podería non corresponderse tanto a un campamento de marcha –construído para descansar durante unha ou dúas xornadas- como a un campamento estacional, que servise durante un período máis prolongado de tempo (semanas ou incluso un mes) a un continxente militar romano cunha misión específica que aínda se descoñece.

O colectivo romanarmy.eu comunicou á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia en febreiro de 2017 a existencia do campamento romano. Sen embargo, durante a intervención arqueolóxica tívose coñecemento de que o terreo se atopa afectado nestes momentos por un plan de repoboamento forestal que danará de maneira irreversible este sitio arqueolóxico de grande relevancia para a historia de Galicia.

A intervención no campamento romano de Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense) permitiu descubrir a presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e que podería vincularse cronoloxicamente á época das Guerras Galaico- Cántabro-Astures.

Moedas e chatolas

No transcurso dunha campaña arqueolóxica levada a cabo polo colectivo romanarmy.eu e dirixida polo investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC João Fonte foi localizado material militar romano, entre o que se atopan as características chatolas das sandalias romanas (caligae) e moedas acuñadas por Publio Carisio (quen fora legado do primeiro emperador Octavio Augusto durante as Guerras Cántabro-Astures) entre o 25 e o 22 a.C. para pagar aos lexionarios que participaban nas campañas bélicas.

Estes achados sitúan a construción do campamento romano de Penedo dos Lobos nun horizonte cronolóxico anterior ao cambio de era e posiblemente coetáneo ás Guerras Galaico- Cántabro-Astures, coas que o Imperio romano rematou a conquista de Hispania.

Vista aérea do campamento romano de Penedo dos Lobos, en Manzaneda / Romanarmy.eu

Unha gran guerra non só contra cántabros e astures

Trátase da presenza militar romana máis antiga documentada ata o momento no territorio da actual Galicia, e é un achado de gran relevancia histórica para coñecer os inicios da romanización neste territorio. Ata o momento, numerosos especialistas consideraban que a zona de Galicia estivera á marxe do conflito. Aínda que non é posible polo momento determinar cal era a misión do continxente militar de Penedo dos Lobos, os achados redefinen o coñecido sobre esta época e axudan a contextualizar unha presenza militar romana neste territorio que, á luz do descuberto polo colectivo romanarmy.eu e outros equipos de investigación nos últimos anos, é máis ampla e diversa do coñecido ata o momento.

A campaña de estudo, financiada ao 100% polo Concello de Manzaneda no ano 2017 rematou e foi promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, o concello de Manzaneda, e máis o Grupo de Investigación Síncrisis do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela.

“A partires de agora, e con uns recursos municipais que non alcanzan para facer fronte á necesidade de protección, investigación e divulgación, é deber da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia por en valor e protexer este xacemento único no país pola súa antigüidade, altitude e zona ca que está situado”, apunta En Marea na súa iniciativa.

Pode que che interese...