fbpx
Trazado da Vía Künig segundo o estudoso do Camiño de Santiago Elías Valiña

Por que non acaba de aceptarse a Vía Künig como un novo Camiño de Santiago?

Tempo de lectura: 2 min.

O monxe Hermann Künig iniciou no século XV unha viaxe a Compostela desde Einsiedeln, preto de Lucerna, onde se acha a gran abadía da nosa Señora dos Ermitáns, primeiro centro mariano de Suíza desde o medievo e punto de arranque da peregrinación cara a Santiago nesta parte de Europa.

Utilizou unha ruta á súa entrada en Galicia que variou con respecto ao actual Camiño Francés. Ao regreso a Suíza, redactou unha guía de peregrinos que inclúe esta variante que hoxe transcorre polos concellos das Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo. Este texto, versificado, imprimiuse por primeira vez en 1495, en Estrasburgo, e foi moi popular entre os viaxeiros de fala alemá. Nas dúas décadas seguintes efectuáronse catro edicións máis, a última en Leipzig, en 1521.

Hai pouco máis dun ano que entidades culturais e concellos iniciaron unha batalla por recuperar e oficializar a Vía Künig como ruta de peregrinaxe a Compostela. Co historiador Javier Gómez Vila á fronte e a unión dos cinco concellos polos que pasa, conseguiuse sinalizar esta ruta que tamén ten app propia e que xa recibe peregrinos. Pero, polo momento, non conta co recoñecemento como ruta oficial por parte da Xunta.

Un tramo urbano do Camiño de Santiago / foto larahcvCC0

Variante

A Vía Künig é unha variante do Camiño de Francés que, xusto antes de entrar na provincia de Lugo, á altura de Herrería de Valcárcel, desvíase para evitar o alto do Poio e Pedrafita para continuar por terreos do Cebreiro cara ás Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo, onde enlaza co Camiño Primitivo e do Leste co Francés en Melide. A Mancomunidade de Concellos do Camiño Francés reaccionou en contra deste proxecto nada máis se presentou, pero o rexeitamento foi perdendo forza. O trazado está delimitado e sinalizado e tres historiadores fixeron un estudo histórico para a Dirección Xeral de Patrimonio.

De feito, a Consellería de Cultura aínda ten que decidir que fai con esta nova vía e, mentres, financia iniciativas relacionadas con ela. Así, hai uns días destinaba 5.000 euros á elaboración do documental Vía Künig: 500 anos de peregrinación, que propón o redescubrimento desta ruta descrita no século XV polo monxe alemá que lle da nome.

Pode que che interese...