fbpx
Imaxe do banco sobre a pía e uns petróglifos no monte de San Lois, en Noiga / A Rula
Imaxe do banco sobre a pía e uns petróglifos no monte de San Lois, en Noiga / A Rula

O Concello de Noia chanta “o peor banco do mundo” nos únicos petróglifos do municipio

Tempo de lectura: 2 min.

Un banco chantado sobre un petróglifo. Esta é a imaxe que se atopou un grupo de membros do colectivo A Rula durante unha prospección pasiva no Monte San Lois, no municipio de Noia, que xa denunciou o caso ante a Dirección Xeral de Patrimonio. E o responsable deste novo atentado patrimonial foi o propio concello.

O colectivo estaba a realizar unha visita ao Monte San Lois para buscar conexións visuais entre este punto e o Monte Louro. Alí, nun espazo que destaca pola vista ao propio monte, o Concello limpou a zona e decidiu colocar un banco sobre unha pedra no chan.

Este banco instalouse sobre unha pía natural na que se conservan uns gravados que non están catalogados. Os debuxos, ata agora descoñecidos, están moi erosionados pero son visibles a plena a luz do día.

Luís Leclere, presidente do colectivo, explicou en declaracións a Europa Press, que os membros da asociación realizaron un estudo da zona e dos propios debuxos na pedra para informar o caso a Patrimonio, co fin de que se valore a súa catalogación e revértase esta situación.

Banco chantado nunha estación de petróglifos en Noia / A Rula

Foi no mes de marzo do ano pasado cando chegou a Noia unha desas “febres colectivas” de instalar bancos en lugares “con vistas panorámicas”, para “sinalar” o sitio exacto onde a xente poida facerse fotos para subir ás redes sociais, ou aqueloutra de colocar o “o banco máis bonito do mundo”. “De feito, o concello anunciariono na prensa, cun orgullo que, a pesar de estarmos inmersos na voráxine das redes sociais do século XXI, é un sentimento tan anticuado, que nos fai lembrar aos vellos tempos do NODO”, critican desde o Colectivo A Rula.

Pero esta actuación executada na zona debería ter unha autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e debería informarse para realizar un control arqueolóxico previo. Este colectivo xa localizara unha referencia en 2010 dun gravado moderno imitando petróglifos no monte San Lois, que consistía nunha suposta espiral, aínda que aparentemente quedou destruído por unhas actuacións na ampliación das marxes dunha estrada.

Pode que che interese...