O final feliz da lápida dun abade do século XIII que acabou nun cortello
A lápida do século XIII dun abade do Mosteiro de Oia / XdV

O final feliz da lápida dun abade do século XIII que acabou nun cortello

Tempo de lectura: < 1 min.

A lápida dun abade do Mosteiro de Santa María de Oia que permanecía nun pequeno alpendre do barrio do Arrabal, reempregada como lintel, xa descansa na igrexa do conxunto monacal, tal como informa o Xornal de Vigo. A estrutura foi trasladada este martes nun proceso que contou con supervisión arqueolóxica a fin de garantir a integridade e conservación do ben.

Esta lauda sepulcral, a única ata o de agora coñecida dun abade do cenobio cisterciense de Oia, formaba parte dunha pequena construción do barrio histórico do Arrabal, a poucos metros do convento cisterciense. Xa naquel emprazamento podíase distinguir un gravado coa forma de báculo abacial e máis unha inscrición que remitía ao século XIII.

A precaria situación estrutural na que se atopaba o alpendre, susceptible de acabar danando a lápida, facía necesario buscar unha nova localización que garantise a conservación do ben patrimonial. Ao mesmo tempo, houbo que adoptar unha solución técnica para o traslado do elemento patrimonial en condicións de seguridade.

Unha vez realizadas as correspondentes xestións coa propiedade do inmoble e obtido o visto bo de Patrimonio da Xunta de Galicia, varios operarios procederon a primeira hora desta mañá ao traslado da estrutura desde a súa localización ata a igrexa parroquial de Santa María de Oia. Os traballos foron supervisados pola arqueóloga Elisa Pereira e desenvolvéronse sen ningún tipo de incidente.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: