fbpx
A Esmorga, detalle do filme / foto Editorial Galaxia

A Esmorga, Sempre Xonxa, a Casa de Rosalía… Cando as plataformas te achegan ó mellor da nosa cultura

Tempo de lectura: 2 min.

As plataformas de vídeo como Youtube ou Vimeo son portas abertas á cultura a través do audiovisual. Agora que nos quedamos na casa son espazos perfectos para descubrir unha infinidade de materiais cos que aproveitar o tempo para coñecer ó mellor da nosa cultura, material, teatral, fílmica, música ou grandes documentais.

Un dos exemplos máis curiosos son as visitas virtuais, esta vez en vídeo. Unha das máis singulares, sen dúbida é visita á Casa Museo de Rosalía Rosalía de Castro, a chamada Casa da Matanza. É a casa na que Rosalía viviu nos últimos anos da súa vida con Murguía e os seus fillos. Conta cunha exposición sobre a poeta, con importantes edicións das súas obras e a recreación do interior da antiga vivenda do XIX.

Ademais hai outras moitas curiosidades na rede. Unha das que máis nos sorprendeu nos pasados días foi a iniciativa de Vía Láctea Films, Editorial Galaxia e a TVG de ofrecer o filme A Esmorga, en aberto e de balde na plataforma Vimeo. É tan só esta fin de semana, dende o pasado venres ata as 6:00 a.m. deste luns. A iniciativa foi un éxito con máis de 2.000 visitas no seu primeiro día. Hai versións subtituladas ó inglés, francés e castelán, mais debes apurar o tempo se non queres perdela.

Non é a única xoia do noso cine. Outro dos grandes clásicos do cine galego tamén o tes na rede, neste caso, na plataforma Youtube, subida por un particular. Trátase de Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, película que no pasado 2019 cumpría 30 anos. A emigración, a miseria, a lenda ou as relacións humanas, nunha aldea dos montes de Galicia, recóllense dun xeito maxistral e pioneiro neste filme.

No campo da música as plataformas de vídeo son, de sempre unha das nosas aliadas favoritas. Aquí podes atopar o mellor da nosa cultura músical nas canles oficiais de artistas como Mercedes Peón, Xavier Díaz e Adufeiras, Davide Salvado, Sés… Tamén é unha plataforma para o teatro. En Youtube podemos ver obras como Os vellos non deben de namorarse interpretada polo Centro Dramático Galego, ou obras como O Decamerón interpretado por Candido Pazó.

Por último, e non menos importante, documentais sobre a nosa historia e o noso patrimonio, que xa vos recomendamos nalgunhas outras ocasións dende o noso xornal. Entre eles podemos atopar a serie Historias de Galica, producida pola TVG, O legado dos Celtas do Canal Historia, ou documentais sobre Santiago de Compostela, os castros ou a nosa Idade Media. Tamén podemos atopar documentos históricos como Un viaxe por Galicia de Luiz Rodríguez Alonso, conservado polo CGAI e subido por Proxecto Terra.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...