fbpx
Debuxo da catedral de Santiago de Compostela no século XVII realizada por Vega y Verdugo / xcopedia.com

Atopan un libro que describe como eran as sete cidades do Reino de Galicia no século XVII

Tempo de lectura: 2 min.

O Consorcio de Santiago e Teófilo Edicións veñen de publicar ‘A cidade de Santiago de Compostela segundo os irmáns Juan e Pedro Fernández de Boán’, un traballo do historiador Miguel Taín no que se analiza un manuscrito que mostra como era Santiago de Compostela na primeira metade do século XVII.

O manuscrito ‘Historia Xeral e Descrición do Reino de Galicia’, atribuído aos irmáns Juan e Pedro Fernández de Boán, trata a historia do Reino e ofrece unha descrición detallada de cada unha das cidades e vilas das antigas sete provincias.

Descrición do Reino

A ‘Descrición do Reino’ constitúe unha “monumental historia diacrónica do Reino de Galicia”, que abarca desde a creación do mundo ata a década de 1640, anos nos que se termina de escribir a obra. Contén, ademais, numerosas inscricións sepulcrais e conmemorativas, lápidas romanas, testamentos, versos, fábulas e debuxos a pluma dos brasóns das familias nobres galegas.

Neste manual examínanse as referencias ao patrimonio de Compostela, como a súa muralla medieval e as oito portas de entrada á cidade; a torre do Obradoiro; as súas rúas e prazas; os seus edificios máis emblemáticos como hospitais, colexios, ermidas, igrexas parroquiais, mosteiros, conventos, pazos ou pontes, a traída de augas, fontes e, particularmente, a Catedral. Tamén o do resto das seis grandes cidades galegas da época.

Recóllese tamén a indumentaria dos peregrinos, as parroquias da diocese compostelá e a etimoloxía dos seus nomes. Ilústrase con cartografías históricas e documentos gráficos antigos e actuais dos inmobles analizados.

Peregrinación

O investigador considera que “quizais o aspecto máis novo que achega o manuscrito” é que “permite, como ningún testemuño documental do século XVII localizado ata a data, visualizar o papel dos nobres no enriquecemento arquitectónico e artístico de Compostela“, co seu patrocinio de capelas, conventos, hospitais, monumentos funerarios e ata o baldaquino da Catedral ou a torre do Rei de Francia.

O estudo complétase coa transcrición íntegra da parte do manuscrito dedicada á cidade e aos peregrinos que de toda Europa acudían ao Santuario do Apóstolo.

Pode que che interese...