fbpx
Escultura de San Roque na fachada dunha igrexa italiana / foto AngelesesCC0

Cando os galegos pregaban a San Roque para evitar as epidemias

Tempo de lectura: 3 min.

Á entrada de Santiago de Compostela dende a Porta da Algalia atópase o hospital de San Roque; na cidade de Lugo, tamén, preto da porta de San Pedro atópase a capela e barrio de San Roque; en Vigo hai outra capela e barrio co mesmo nome, en Pontevedra, en Ribeira, en Muros en Melide en Caldas… e en xeral en case calquera cidade ou vila galega hai unha capela ou restos dun antigo hospital adicado ó santo. Iso si, sempre extramuros das vellas cidades.

Todos estes hospitais ou capelas empregábanse como lazaretos ou edificios nos que acoller os enfermos antes de entrar nas cidades. Pois San Roque é un dos santos de maior devoción en Galicia, cunha festividade que se celebra o 16 de agosto, En todas as cidades, vilas ou aldeas hai ben un santuario adicado o santo, ben unha imaxe en lugares destacados da igrexa parroquial.

E é que San Roque, na Galicia tradicional, foi o santo patrón e protector fronte as epidemias. A el se encomendaban os galegos cando as grandes enfermidades epidemiolóxicas ameazaban cidades e vilas. Para defenderse delas non so se empregaban o pechado ou vixilancia de portas e accesos ás vilas, cando estas aínda as tiñan, senón tamén se lle facían encomendas o santo, polo xeral a través de confrarías.

Hospital de San Roque en Santiago de Compostela / foto amaianosCCBy Wikimedia

As máis importantes foron en 1567, 1579 e 1598 que foron as que provocaron que se difundira o seu culto, en substitución ó anterior a San Sebastián. Neses anos erguéronse hospitais e capelas como as de Santiago ou Lugo. San Roque é tamén protector da boa morte, dos peregrinos, enfermeiros, cirurxiáns e dos cans, en concreto dos de palleiro. É ademais patrón de moitas vilas galegas como Beariz, Bergondo, Betanzos, Caldas de Reis, Catoira, Cuntis, Mondariz, Tomiño, Ordes, Celanova, entre moitas outras.

A historia de San Roque

E é que ese San Roque de todas as nosas igrexas parroquiais é, en realidade,  Santo San Roque de Montpellier. San Roque foi un peregrino franciscano da Orde Terceira, nado nesta cidade francesa cara 1295. Procedente dunha familia rica e nobre, de igual xeito que San Francisco de Asís, tras a morte dos seus país doou toda a súa fortuna e vestidos ós peregrinos. Púxose el mesmo despois en camiño cara Roma primeiro e varias cidades de Italia despois.

É precisamente nesta cidade onde entra por primeira vez en contacto coa peste, curando romeiros de xeito milagreiro o imporlle o sinal da cruz. Mais na cidade de Piacenza el mesmo contraeu a enfermidade, sufrindo por aquilo o desprezo e a persecución. Isto dá pé a lenda da súa iconografía, vestido de peregrino, sempre acompañado por un can e ensinando as súas feridas.

A lenda di que, perseguido pola xente, polo temor á enfermidade, refuxiárase nun monte. Alí, e de xeito milagreiro, todos os días aparecíalle un can que lle levaba na boca un bolo de pan. Unha vez este podía saciar a súa fame, o can lambíalle as feridas. Así, unha vez curado pola intervención divina emprende o regreso á a súa vila natal, mais polo camiño é prendido. Cóntase que finou en Montpellier en 1327 con pouco máis de 30 anos.

Imaxe de San Roque / foto José Saíz Valero CCBy Wikimedia

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...