fbpx
Maquinaria traballando no montellón de Caolín de Laxe / foto HdG

Desmontan un en plena corentena un dos últimos vestixios das industrias de Isidro Parga Pondal

Tempo de lectura: 3 min.

O 30 de xullo de 1923 un grupo de industriais e emprendedores da Costa da Morte inscribían ante o notario de Tella, Ponteceso, unha gran industria para a extracción e transformación de caolín na vila de Laxe. Foi cun pequeno xacemento que existía na vila, pero que daría lugar a unha das iniciativas empresariais máis relevantes do do século XX na comarca.

Os socios eran Juan James Rosewarne, Víctor Landesa Doménech, Plácido Vidal Díaz e Enrique Ferreiro Pondal. Este último era primo dun mozo investigador de Química Inorgánica e Analítica na Universidade de Santiago de Compostela e membro do Seminario de Estudos Galegos. Era Isidro Parga Pondal, un dos máis grandes investigadores da xeoquímica galega e pai de moitas iniciativas industrias pioneiras de Galicia, algunhas das cales seguen sendo punteiras hoxe.

Durante o desenvolvemento da Guerra Civil, en 1938, Isidro foi purgado da Universidade de Santiago de Compostela. Mais este non foi senón o inicio dunha nova etapa na vida do investigador na que, porén, desenvolveu un importante traballo que fixo posible empresas pioneiras. Asentado na vila de Laxe creou o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, traballou cos irmáns Fernández López e colaborou co Instituto Xeolóxico Mineiro Español e máis con universidades como as de Leiden, Montpellier, Estrasburgo, Zürich, Munster e Lisboa.

Vestixios dunha actividade única

Coa súa chegada a vila a empresa Kaolíns de Laxe sufriu unha profunda transformación, xa que Isidro fixo unha fonda investigación ata atopar un novo e excepcional xacemento na veciña aldea de Coens, a catro quilómetros da vila. Dende aquela púxose en marcha un excepcional sistema de extracción e de transporte de caolín por medio de vagonetas en suspensión aérea facendo medrar notablemente a industria.

Nesta pequena vila de pouco máis de 3.500 veciños a empresa chegou a dar traballo a 236 traballadores, sendo un dos motores económicos da Costa da Morte. Isidro foi unha das figuras fundamentais da factoría, que estivo funcionando entre 1923 e 1982. O seu traballo deu pé a garantir por moitos anos a actividade da empresa e a multiplicar por seis a súa produción.

Desaparecendo en plena corentena

Tras o seu peche a actividade quedou abandonada e ata fai non moito tempo moitos dos vestixios daquela actividade industrial aínda eran visibles na vila. Entre eles 13 dos postes das que sostiñan o sistema de cableado das vagonetas suspendidas que transportaban o caolín; varios edificios industriais no lugar da Torre e unha lagoa artificial no lugar de Coens onde outrora se atopaba a mina.

Na vila de Laxe consérvanse restos do antigo lavadoiro de Caolín, unha cheminea e ata fai poucas semanas un montellón de caolín, abandonado dende os oitenta. A montaña de Caolín como se lle chama na vila, ten máis de 15 metros de altura e unha considerable anchura e profundidade. Levaba 40 anos abandonada e estaba xa conquistada pola natureza, máis durante as décadas de 1990 e 2000 era completamente visible.

Mais nos pasados meses as máquinas comezaron a traballar nela, co fin de liberar os terreos para a construción, pero as obras estiveron por moito tempo paradas ou avanzando a un ritmo cativo. Nos pasados días retomáronse e agora, en plena corentena, os traballos se están a desenvolver a un ritmo especialmente acelerado, que terminará coa desaparición do montellón nunha franxa moi breve de tempo. Contan as xentes do lugar que a excepcional brancura do areal da praia de Laxe é pola presencia na vila do caolín.

Cheminea da antiga factoría de caolín de Laxe / foto Jose Manuel Ojén – Qué pasa na Costa

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...