Dúas versións enfrontadas para recuperar as carpinterías de ribeira da ría de Noia | Historia de Galicia
Estaleiro de Ciprián en Tavilo / Foto outes.gal

Dúas versións enfrontadas para recuperar as carpinterías de ribeira da ría de Noia

Tempo de lectura: 3 min.

Dous estaleiros serán recuperados na ría de Noia. Un na propia vila de Noia, en Abruñeiras, ó final do paseo da vila, e outro moito máis antigo en Távilo, Outes. O primeiro será empregado para usos náuticos pero no segundo localizarase un museo que pretende ser un novo e excepcional atractivo para o lugar.

E é que a ría de Muros e Noia, é un dos lugares de Galicia onde se conservan aínda un maior número de estaleiros, tanto tradicionais como máis recentes. Pois a ría foi un dos maiores asentamentos de Galicia para numerosas carpinterías de ribeira a comezos do século XX, chegando a producirse barcos como o pailebote Nieves, de 27 m de eslora, xa en 1919. Mais a partir de 1980 desaparece progresivamente a actividade en toda a ría,

Estaleiro de Abruñeiras en Noia / foto HgG

Noia, unha estrutura recente pero nun lugar clave

A de Noia é unha estrutura moi significativa xa que se atopa no lugar de Abruñeiras, xusto ó final do paseo da ría. É da segunda metade do século pasado, e estivo en funcionamento ata vai dúas décadas. Era o coñecido como Estaleiro de Hermida, e estivo a piques de ser derrubado para recuperar o dominio marítimo-terrestre ó estado natural. Foi doado ó Concello e converterase edificio de usos náuticos.

O edificio está constituído por unha gran nave de estrutura de formigón e varios edificios e estruturas anexas, facilmente recuperables. Ten 900 metros cadrados e unha rampla ó mar perfecta para o a función que se lle proxecta: edificio multiusos e sede do Club de Remo de O Testal. Terá unha inversión de arredor de 400.000 euros, financiados integramente polo Concello.

Estaleiro de Ciprián en Tavilo / Foto outes.gal

Outes, un centro de interpretación o pé do areal de Broña

A proposta do Concello de Outes é, porén moi diferente. Neste caso trátase de recuperar unha carpintería de ribeira tradicional, moito máis antiga. Trátase do estaleiro de Ciprián, localizado no lugar de Távilo, na parroquia de San Cosme. Dela se conservan aínda moitos vestixios, muros litorais, peiraos, plataformas de traballo e maquinaria, así como boa parte da edificación. Nel se recuperarán pezas únicas como unha serra eléctrica ou un motor mariño Ayón.

O proxecto prevé a recuperación cun moderno museo, con espazos de exposición, vídeos e experiencias sensoriais. Estará deseñado polos arquitectos Iago Fernández Penedo y Óscar Fuertes Dopico, investigadores sobre esta tipoloxía en Galicia, rehabilitado con estruturas de pedra e madeira. O orzamento para este museo é de algo máis de 300.000 euros, coa musealización incluída, dos que un terzo serán financiados pola Unión Europea.

Estaleiro de Ciprián en Tavilo / Foto outes.gal

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: