Espectacular liña de mámoas que demostra como fronteiras míticas mantéñense 6.000 anos despois | Historia de Galicia
Necrópole megalítica de Outeiro dos Corvos, en vermello, a nova mámoa localizada / Capitán Gosende

Espectacular liña de mámoas que demostra como fronteiras míticas mantéñense 6.000 anos despois

Tempo de lectura: 5 min.

O sábado 7 de marzo, membros do colectivo Capitán Gosende percorremos o sitio arqueóloxico do Outeiro dos Corvos (ou Campo dos Cans), unha necrópole megalítica localizada, segundo a web mapas.xunta.gal, en terra de Tomonde, mais, como adoita acontecer con estes fitos patrimoniais, na estrema interparroquial de Tomonde e Figueiroa (Cerdedo) e Castrelo (Forcarei). É dicir, esta liña de mámoas segue marcando unha fronteira imaxinaria que se mantén 6.000 anos despois.

O cemiterio prehistórico do Outeiro dos Corvos componse de oito mámoas, catalogadas por Patrimonio en 2001. Se nos atemos ás cautelas arqueolóxicas (200 m de raio arredor do ben protexido), o xacemento neolítico do Outeiro dos Corvos (ou Campo dos Cans) abranguería unha superficie de 26’6 hectáreas aprox., das cales unhas 22’3 ha lle corresponderían á parroquia de Tomonde (monte da Vilalén, ao norte) e unhas 4’26 ha á parroquia de Figueiroa (monte de Loureiro, ao sur). Conforme o devandito recurso-web, os oito túmulos inventariados por Patrimonio situaríanse no monte comunal da Vilalén (parroquia de Tomonde), entre os 690 e os 700 m de altitude. Ningún dos outros dezasete campos de mámoas localizados no antigo concello de Cerdedo atinxe o número de oito lugares funerarios: oito mámoas con cadansúa arca (ou o que quede delas).

Na actualidade, os túmulos do Outeiro dos Corvos (ou Campo dos Cans) agóchanse baixo a densa matogueira (toxos e silveiras) que medra rexa entre unha repoboación de piñeiros. En 2009 (“Un paseo por el neolítico”, Faro de Vigo, 14-12-2009), a Mámoa 8 servíalle de basamento a unha manxadoira para o gando montés. Hoxendía, dita mámoa fica por baixo dun plástico negro, engruñado e roto. Xacando, todas as mámoas do Outeiro dos Corvos foron obxectivo da febre do ouro dos mouros. Algunhas daquelas medorras padeceron os efectos da cobiza humana en grao sumo, porén, 6.000 anos despois, o seu considerábel diámetro e altura seguen ofrecendo testemuño da súa primixenia monumentalidade.

Mámoa 6 do Outeiro dos Corvos (Tomonde-Cerdedo)

Nova mámoa

O pasado sábado, así que puxemos o pé naquel arboredo, decatámonos de que, por mor dunha inminente talla de piñeiros ou roza do vedramio, alguén con bo criterio quixo advertir o serrador ou o tractorista da presenza das mámoas, sinalando o seu contorno de protección cunha fita plástica branquivermella anoada ao tronco das árbores. A superficie acoutada non atinxe nin de lonxe a área de cautela, porén, algo é algo.

No ano 2009 publiquei a miña Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (Ed. Morgante). Ao respecto do megalitismo das parroquias de Figueiroa/Tomonde, na páxina 71 recollía o seguinte dito popular: “No Campo dos Cans hai sete/oito medorras, e a do medio gharda as outras todas”. O pobo non se me puña de acordo co número de tumbas, mais habelas hainas (e, por fortuna, aínda as hai). No século XVIII, o Padre Sarmiento xa anotara, de oídas, sete: siete montoncillos separados que hay allí. En 1977, Filgueira Valverde e García Alén, no seu “Inventario de monumentos megalíticos” (EMP, vol. XXXI, páx. 86), anotaron: Campo das Sete Mámoas […] Aunque violadas, existen las siete mámoas a las que alude el topónimo, formando seis de ellas una línea casi circular. El túmulo marginado está en un pinar cercano. Tienen altura de 1’5 a 2 m y sus diámetros oscilan entre 17 y 22 m. Folklore: La separada del grupo “protexía a outra, que era a do xefe”. Las mámoas son obra “da raza dos mouros, que vivían alí e enterraban nelas os seus tesouros”.

Eu mesmo engadía: Contan que o chamadeiro “Campo dos Cans” vén de cando, vai para sesenta anos, este afastado lugar foi empregado polos veciños como picota de cánidos non desexados. As pólas das árbores valeron de pau de forca. O motivo da carniza haino que buscar na orde de vacinación obrigatoria (e non gratuíta) dos animais, disposta polas autoridades daquel tempo.

Arco circunferencia

É ben certo que seis das mámoas existentes describen sobre o terreo un arco de circunferencia. A figura resultante acada uns 335 m de lonxitude. Son as seguintes (de sur a norte): a Mámoa 7 (GA36011012), a Mámoa 6 (GA36011011), a Mámoa 5 (GA36011010), a Mámoa 4 (GA36011009), a Mámoa 3 (GA 36011008) e a Mámoa 1 (GA36011006).

A un par de metros de distancia cara ao sur da Mámoa 3 atópase a Mámoa 8 (GA36011013), esa que noutrora serviu de manxadoira para o gando e que arestora se afea cun plástico envurullado. A Mámoa 8, aínda que non lle dea continuidade á figura, consíderase formante da mesma pola súa proximidade á Mámoa 3.

Do outro lado da devasa, a uns 65 m ao nordés da Mámoa 3, sitúase a Mámoa 2 (GA36011007), “separada do grupo” e tamén baixo piñeiros. Interpretando o relato tradicional que tantas veces nos ten iluminado, podemos deducir que a Mámoa 2 é o “túmulo marxinado”, a que “protexía a outra, que era a do xefe”. Ou quizais, a Mámoa 8, acaroadiña á Mámoa 3, fose a “mámoa protectora”. Ou quizais, de aí a numeración, durante moito tempo se creu que a Mámoa 3 e a 8 eran o mesmo xacemento.

Outeiro dos Corvos (Tomonde-Cerdedo) e Parque eólico de Castrelo (Forcarei)

Un parque eólico

A escasos 200 m ao leste das mámoas do Outeiro dos Corvos, no bordo da cautela, o concello de Forcarei deu luz verde á construción dun horrendo parque eólico, o enésimo. En calquera país civilizado, o peso da razón e a cultura serían abondos para desequilibrar a balanza en contra da minoría que se enriquece a conta da maioría empobrecida. Na comarca de Montes as pesadas están trucadas. O colectivo Capitán Gosende quere expresar a súa solidariedade cos veciños da parroquia de Castrelo afectados por este proxecto. Todos imos no mesmo barco, que se afunde.

Feitas as nosas comprobacións, os de Capitán Gosende non desaproveitamos a oportunidade de esculcar os arredores, guiándonos polas evidencias observadas nun mapeo LIDAR. Confirmada a sospeita in situ, podemos afirmar a existencia doutra mámoa, situada a uns 325 m, cara ao sudoeste, da Mámoa 4, o túmulo que viría ocupando o centro do arco. Seguindo coa figura arcada, a mámoa descuberta o pasado sábado localizaríase, tensada a arma, no chamado punto de enfreche.

As coordenadas da chamada Mámoa 9 do Outeiro dos Corvos (ou Campo dos Cans) son as seguintes: X: 550.245; Y: 4.712.884. Para poder chegar a ela e pousar o pé no cráter de espoliación houbo que atravesar unha intimidatoria barreira de toxos e silveiras. Así mesmo, unha mesta matogueira cobre a carrela do moimento. Volvendo á tradición oral, será a descoñecida Mámoa 9 “a do medio, a que gharda as outras todas”?

Malia espiñarmos mans e pernas, a parroquia de Tomonde e o seu magnífico cemiterio prehistórico suma unha tumba máis. Atención, madeireiros!

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: