fbpx
Porta Miñá foto en 360 / foto Jesús Barral no proxecto Muralla Dixital

Estas son algunhas das xoias museísticas galegas que podes visitar estes días sen saír da casa

Tempo de lectura: 5 min.

A cultura hoxe non entende de fronteiras e moito menos de limitacións físicas. Por iso nestes tempos difíciles a cultura segue sendo unha grande aliada para afrontar momentos de reclusión como o que nos toca vivir. Como xa vimos, artistas de todo o mundo chegan á casa de cada quen a través do streaming. Mais tamén a tecnoloxía permite experiencias inmersivas especialmente interesantes a moitos dos nosos museos. Estes son só algúns exemplos:

Museo Provincial do Mar de Cervo / foto museos.xunta.gal

Ósos de balea no Museo Provincial do Mar de Cervo

Unha das máis ricas experiencias de inmersión na súa rede museística é a da Deputación Provincial de Lugo. Esta inclúe o Museo Provincial de Lugo, O Museo Provincial do Mar en Cervo, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla e o Pazo de Tor. Todos eles teñen visitas virtuais inmersivas a través da súa web. Entre eles un dos grandes descoñecidos é este museo de Cervo. Nel podemos ver dende pezas de Sargadelos, arqueoloxía subacuática e ata inmensos ósos de balea. A visita foi desenvolvida polo equipo do fotógrafo Jesús Barral.

Detalle da visita virtual ó Museo Provincial do Mar de Cervo, desenvolvido por Jesús Barral

Brocados da Idade do Ferro do Museo do Castro de Viladonga

Sen saír da provincia de Lugo, podes visitar tamén de xeito inmersivo un dos nosos castros mellor escavados e estudados. Trátase da visita virtual en 360 ó castro de Viladonga en Lugo. A visita permite achegarnos non só o museo e percorrer as súas salas, con pezas singulares, senón visitar tamén o propio xacemento, unha experiencia cando menos excepcional. Este é o seu acceso.

Detalle da visita virtual ó castro de Viladonga

A Compostela Medieval do Museo das Peregrinacións

O Museo do Castro de Viladonga pertence á rede da Xunta de Galicia. Moitos destes museos contan coa súa propia visita virtual, mais non todos. Un deles é o Museo das Peregrinacións, na praza de Praterías de Compostela. Este museo localizado no antigo Banco de España é moito máis que un recurso turístico para os peregrinos. Nas súas salas faise un verdadeiro percorrido pola historia da cidade e das peregrinacións a Compostela con elementos dunha didáctica máis que singular.

Detalle da visita virtual ó Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela

A escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego

Tamén dependente da Xunta e con acceso tamén virtual, aínda que non 360, atopamos unha das xoias da nosa tradición museográfica, o Museo do Pobo Galego. Sito no convento de San Domingos de Bonaval é un dos grandes museos etnográficos da Península. Dando a man á vangarda do CGAC e nun dos lugares máis fermosos da cidade de Compostela, o museo non só nos conta a historia da nosa cultura tradicional dende a época castrexa, senón que nel descansan tesouros como a máis famosa escaleira helicoidal do barroco.

San Domingos / foto DkatanaCC0

As Torres dos Moscoso de Vimianzo

Outro dos grandes recursos que temos na nosa rede é o acceso virtual ó Castelo de Vimianzo. Este gran enclave dos Moscoso de Altamira e icona da Costa da Morte ten tamén a súa visita en 360 grao. Un tour virtual desenvolvido pola empresa Fotopanorama que mediante explicacións certeiras e coidados audios déixanos descubrir a historia do castelo, dende o derrube e reedificación á mans dos Irmandiños ata a súa recuperación pola Deputación Provincial.

Detalle da visita virtual ó Castelo de Vimianzo, desenvolvida por Fotopanorama

A talladora Vulkan do Museo Naval de Ferrol

O Ferrol do século XVIII foi un dos maiores arsenais militares de toda Europa. Unha incrible obra da enxeñería da Ilustración posta ás ordes dunha das coroas máis poderosas do vello continente. Porto, baterías, arsenal e cidade, que renden candidatura a Patrimonio Mundial, poden entenderse mellor dende este museo. Ó acceso ós dous andares do edificio de Ferrerías, desenvolvido pola empresa Xi Fotografía, permítennos achegarnos á construción naval no século XVIII, ó pecio de A Magdalena ou á talladora Vulkan.

Detalle da visita Virtual ó Museo Naval de Ferrol

A cabina dun Boeing 747 no MUNCYT coruñés

O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, que ten unha das súas sedes o pé do paseo marítimo da Coruña, tamén ten a súa visita virtual en 360. Un dos museos máis familiares de Galicia, que permite descubrir o mundo da inventiva tecnolóxica humana, pode visitarse tamén sen saír da casa. Nun singular edificio poden acharse elementos tan singulares como a cabina dunha aeronave de Boeing.

Detalle da visita virtual ó Muncyt

O canón de arponeo de baleas do Museo Massó de Bueu

A comezos do século XIX o catalán Salvador Massó Palau desprazouse cos seus enxeñeiros á costa galega para poñer unha pequena salgadura. A mediados do século XX a industria era unha das maiores empresas de produtos do mar de Europa que traballaba dende a conserva ata a caza da balea. No edificio da súa factoría da vila de Bueu a Xunta de Galicia instalou no ano 2002 un museo adicado a esta industria. Hoxe é tamén posible visitalo en 360 a través deste link.

Factoría de Massó en Cangas / foto histórica

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...