fbpx
Remando / foto PrawnyCC0

Lazaretos, aqueles edificios que protexían á poboación fronte a epidemias

Tempo de lectura: 3 min.

Ata non fai moito todas as grandes cidades galegas estaban amuralladas, cunha muralla de pedra, ou cercadas, cun valo de madeira. Estes grandes muros non eran só empregados para a defensa senón que tiñan tamén outras funcións, como xurisdicionais ou comerciais. Unha delas era precisamente o control das epidemias, un dos maiores perigos de sempre da poboación.

E é que ata a Ilustración non chegaron as ideas de salubridade que temos hoxe en día, como unha traída xeralizada de augas, desaugue de fecais, chans pavimentados, xardíns públicos con árbores, grandes fiestras nas casas, rúas amplas e prazas de ventilación. Todas estas melloras non chegaron ás cidades galegas ata polo menos comezos do século XIX. Ata aquela as cidades tiveron que protexerse do xeito máis estrito posible dos perigos sanitarios que viñan de fora.

Hospital de San Roque en Santiago de Compostela / foto amaianosCCBy Wikimedia

Para isto cumpría deixar extramuros da cidade toda ameaza ata estar completamente seguros de non pór en perigo a vida da poboación. Neste sentido os lazaretos foron unha tipoloxía construtiva imprescindible. Un lazareto é un hospital ou unha estrutura similar, extramuros da cidade, no posible illada, onde se asiste a enfermidades infecciosas ou se trata de manter en corentena a persoas ou mercadorías que puideran ser un potencial perigo para a poboación.

Nos portos ou ó pé dos grandes camiños

Os lazaretos podían ser hospitais, por exemplo para peregrinos, como o Hospital de San Roque de Santiago de Compostela, que existiu extramuros da cidade, ou tamén podían ser estruturas na entrada dos portos para evitar problemas nos atraques cos barcos que chegaban de lonxe. Un exemplo sería o Castelo de Santo Antón da Coruña ou a illa de San Simón na ría de Vigo.

A illa de San Simón foi empregada como lazareto / foto HdG

Porén os máis famosos lazaretos soen ser desta segunda tipoloxía. Habíaos nos portos das principais cidades costeiras e soían situarse en illas ou lugares abertos próximos ó mar. Eran polo xeral estruturas espazosas, ben ventiladas e de ser posible con xardíns. En moitos casos tiñan grandes espazos para almacenar mercadorías e oitos tiñan peiraos menores de atraque e locutorios para a visita, sempre coa necesaria separación.

Un nome tomado do leprosario de París

O nome de lazareto, ven, tal e como se intúe na súa literalidade de Lázaro, un discípulo e amigo de Xesucristo e irmán de María que segundo o Novo Testamento caera enfermo antes da visita de Xesús. O chegar este aproximouse a el e fixo a milagre de traelo de entre os mortos coa famosa frase “Lázaro, levanta e anda”. Segundo a Biblia Lázaro morrera de lepra.

E é que o nome fora adoptado polos guerreiros cruzados que durante a Idade Media foran a Palestina a liberar os Lugares Santos na guerra contra os musulmáns. Naquel século XII, creárase unha orde relixiosa e militar para, precisamente, coidar dos leprosos, poñéndose baixo a advocación de San Lázaro. Cando volveron de Terra Santa fundaron igualmente un primeiro hospital para tratar a enfermidade ás aforas de París. Foi o primeiro lazareto.

Faro de Oza na Coruña / foto turismo.gal

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...