fbpx
Portada de O Tío Marcos d'A Portela

Queres consultar en liña os grandes xornais e revistas da historia de Galicia?… Aquí están

Tempo de lectura: 2 min.

O 7 de febreiro de 1876 saía do prelo o “parrafeo primeiro” d’O Tio Marcos d’a Portela, a primeira cabeceira en galego que conseguiu certa permanencia no tempo, nun principio como periódico quincenal e logo semanal. O xornal posto en marcha por Valentín Lamas Carvajal, do que se chegaron a tirar 4.000 exemplares, pode consultarse en liña dende hai uns días grazas á última achega da Real Academia Galega a Galiciana – Biblioteca Dixital de Galicia, que inclúe un total de 75 publicacións periódicas históricas de fondo galego conservadas na hemeroteca da institución.

Segunda informa a RAG nun comunicado, don estas incorporacións, son xa 122 as revistas e xornais editados entre o século XIX e a primeira metade do XX dispoñibles nestes espazo na Rede grazas ao labor de dixitalización dos fondos da Academia. A RAG segue ademais a ofrecer a través da súa web outros 29 títulos que prevé incorporar no futuro a Galiciana, de maneira que as publicacións periódicas da súa hemeroteca dispoñibles en liña son xa máis de 150.

As novas dixitalizacións leváronse a cabo en 2019 coas axudas da primeira convocatoria de subvencións para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia da AMTEGA. As preto de 140.000 páxinas que enriquecen a oferta do fondo galego do século XIX e a primeira metade do XX editado a ambas as beiras do Atlántico inclúen outros títulos pioneiros da prensa en galego como O Tío Pepe, publicación quincenal agrarista editada en 1913 dende A Fonsagrada; As Roladas: folla dos rapaciños galegos (1922), o primeiro intento de facer unha  revista infantil en galego, promovida por Ramón Cabanillas dende Madrid e cunha vida efémera (só saíron do prelo dous números); ou a revista católica Logos (Pontevedra, 1931-1936), que apostou tamén dende o seu xénero pola lingua galega.

semanario Follas Novas, editado na Habana entre 1897 e 1909, e o voceiro da Irmandade Nazonalista Galega de Buenos Aires A Fouce son, por outra banda, exemplos destacados da prensa galega procedente de América conservada na hemeroteca da Real Academia Galega que se incorpora a Galiciana, xunto a diversas revistas e boletíns  de centros galegos doutras localidades de Arxentina, Cuba ou Uruguai.

Pode que che interese...