fbpx
Un carballo fendado por un raio como o de Vilar de Francos / foto prettysleepy1CC0

A lenda do carballo milagreiro de Vilar de Francos, que derrubou a capela baixo a que nacera

Tempo de lectura: 2 min.

Ó pé do pazo de Vilar de Francos, en Artes, no concello de Carballo, atópase un dos carballos máis impresionantes da comarca de Bergantiños. É unha árbore excepcional que acada máis de 7 metros de perímetro, máis de 2 de diámetro e dá sombra a case un ferrado de terra. A árbore, que afortunadamente forma parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, posúe unha curiosa lenda.

Dise que Santo Antón no seu peregrinar a Compostela pasara polo lugar de Vilar de Francos. Alí parou tomar folgos aproveitando tamén para celebrar unha misa. Foi nunha capela que se atopaba exactamente no lugar no que hoxe está o carballo. Era este un soberbio edificio. Mais mentres o santo se atopaba oficiando, naceu xusto debaixo do altar maior un carballo.

O feito milagreiro sucedeu cando o carballo medrou tan axiña e tan forte que non só derrubou o propio altar senón toda a capela, polo que tempo despois tivo que edificarse unha nova xa dentro do pazo. Conta a lenda que a árbore estaba tan ligada a Santo Antón que cando o santo finou un raio fendeu o carballo. A fenda aínda pode verse na actualidade.

Carballo de Vilar de Francos en Carballo / foto turismo.gal

Tamén se conta, como en moitas outras árbores galegas, que se se lle corta unha pola ó carballo milagreiro dela sae unha saba de cor vermella semellante ó sangue. Segundo a tradición popular a árbore ten poderes casamenteiros. Para isto compre darlle tres voltas cunha pequena pedra na man. Despois guindala de costas ó carballo acertándolle na fendedura A lenda, coñecida no lugar, foi tamén recollida por Xan Fernández Carrera no seu libros sobre Lendas da Costa da Morte.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...